Cultura restaurará cinco pontes históricas, pequenas xoias do patrimonio de Galicia

GRACIA NOVÁS REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Son as de Couso (Avión), Éntoma (O Barco), A Portela (Vilamartín), Fillaboa (Salvaterra) e O Demo (Silleda)

13 nov 2014 . Actualizado a las 07:19 h.

Son cinco xoias do patrimonio histórico de Galicia, cinco pequenos fitos da cultura sobre os que pesaba unha sombra de abandono (certo que non son un caso único). Son as pontes de Couso (Avión), Éntoma (O Barco), A Portela (Vilamartín), Fillaboa (Salvaterra) e O Demo (Vila de Cruces-Silleda). A Consellería de Cultura quixo onte empezar a corrixir esta desidia ao asinar convenios cos Concellos nos que se localizan para poñer en marcha as correspondentes obras de restauración, costeadas pola Xunta, e que levaranse adiante no 2015.

Os traballos son intervencións na dirección de recuperar e consolidar as infraestruturas co obxecto de que non perdan a súa funcionalidade, con actuacións de reforzo da fábrica que aínda está en pé, nalgúns casos, e para repoñer as partes derrubadas con materiais orixinais cando sexa posible. Tamén se prevén o desbroce das marxes, a demolición de pavimentos de formigón e a execución dun novo piso da calzada e de peitorís, cando sexa necesario.

Pese á súa humildade arquitectónica, as cinco atesouran un pasado cheo de valor. É o caso do de Éntoma, testemuña do paso da calzada romana (a Vía Secundaria) que, seguindo o curso do río Galir, unía A Pontóriga con A Veiga de Cascallá. Tempo despois foi Camiño Real -o que levaba desde Ponferrada ata Ourense cruzando o val valdeorrés- e parte dunha ruta secundaria do Camiño de Santiago.

Ou a de Fillaboa, en Salvaterra, erixida polos romanos sobre o río Tea (afluente do Miño) para dar paso, segundo algúns estudosos, á Vía XX, calzada que comunicaba Astorga e Braga, nada menos. A estrutura existente hoxe é froito de diversas reconstrucións que datan dos séculos XV e XVII. Nesta época convulsa foi clave para cortarlle o paso ao avance do exército portugués cara a Tui.