Un libro identifica e documenta os topónimos galegos de orixe celta

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fernando Cabeza analiza os nomes e as súas correspondencias europeas

29 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dos volumes de referencia Os nomes da terra e Toponimia de Galicia, Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) pon o ramo a máis de dez anos de investigación sobre a presenza celta na onomástica do territorio galego. O resultado, A toponimia celta de Galicia (Toxosoutos), concentra en máis de cincocentas páxinas unha análise polo miúdo que identifica e documenta ducias de nomes de lugar cuxa orixe apunta á presenza celta. En orde alfabética, a obra enumera dende Adrobriga ao Xistral as denominacións dos lugares coas súas orixes e cadansúas correspondencias con outras das chamadas nacións celtas.

Moitas orixes dos topónimos de raíz celta están relacionadas con accidentes xeográficos ou as características naturais dun lugar, como o paso dun río, rochas, un terreo húmido ou un alto. «Vai co espírito dos antigos, que vivían nunha maior comuñón coa natureza», explica Fernando Cabeza, quen tamén cre que esa conexión co medio caracteriza aos celtas, «menos pragmáticos que os romanos e outros pobos que montaron imperios».

En canto as correspondencias dos topónimos galegos, serve de exemplo un dos que máis chamaron a atención ao investigador: Glandomiro. Este era o nome celta anterior a Brandomil, en Zas, «cunha fasquía xermánica». Glandomiro aparece escrito como Glandimiro como o nome dunha mansión da vía romana per loca maritima, entre Braga e Astorga, no Itinerario de Antonino. Glandomiro, en cambio, aparece documentado por Ptolomeo. No seu libro, Cabeza pono en relación co inglés Glanafon, no condado de Pembrokeshire, que significa «ribeira de río» -glan, ribeira, e afon, río-, e que tamén caracteriza ao nome galego. Outras variantes da mesma raíz serían, por exemplo, a galesa Glan-yr-Afon ou a escocesa Gleann Garadh.

A Coruña burgalesa

Non hai que cruzar o Atlántico para atopar máis correspondencias. Hai unha Coruña del Conde na provincia de Burgos, unha «cidade celtibera dos arévacos logo fortemente romanizada». Para Cabeza, a orixe de ambas as dúas atópase en clunia -en Galicia transformouse en Crunia-, que significa «pradaría, lugar húmido, fonte». O topónimo mantívose intacto en La Rioja, no lugar de Prado de Clunia, onde brota un caudaloso manancial.

Carnota, Dorna, Miranda, Lugo, Sísamo, Bretoña, Borbén ou Nantón son nomes con pegada celta. Mención aparte merecen os topónimos nos que figura a forma obre: Barallobre, Sillobre, Tiobre, Pezobre, Tallobre, Xobre, Callobre ou o mesmo Obre. Cabeza lembra que estas formas xa captaran a atención de Menéndez Pidal e Abelardo Moralejo. Obre remite a brig, é dicir, un castro ou unha altura fortificada.

Fernando Cabezas, que presentou onte a súa obra na Praza dos Libros de Carballo, é consciente de que existe unha corrente anticeltista en determinados ambientes académicos. «Eu mesmo era escéptico», admite. «Pero tanto interese en negalo tiroume da curiosidade». Agora, despois da súa investigación, está convencido de que estes topónimos certifican a presenza celta en Galicia.