José

Francisco Maceira Rodríguez

CULTURA

02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

José foi un neno da miña infancia que se fixo home antes tempo. Non ía á escola como todos. A súa universidade foi a fábrica de gasosas Los 15 hermanos.

Cando non traballaba carrexando caixas no almacén da rúa Alcalde Usero soía recoller marisco na zona da Gándara. Gustaba, para contentar ós da casa, levar ameixas, carneiros ou zamburiñas que tanto abundaban naqueles tempos na ría. E foi alí onde tivo lugar a traxedia. Onde sucedeu o que para min quedou gravada como a peor morte do mundo. José adentrouse na marea e quedou espetado na lama.

Oínlles dicir ás mulleres que lavaron ó seu corpo que tiña as unllas e os dedos das mans desfeitas de tanto escarbar, de intentar zafarse de aquel fango mortal. Ninguén atendeu ós teus berros porque inexplicablemente aquel día non había ninguén paseando pola Gándara. E tiveches que ver con angustia como a auga da marea subía e subía ata que se foi achegando irremediablemente. Todo debeu acabar cando o teu corpo, canso de loitar contra a morte, deixou de chapotear e se deixou cubrir pola auga maimiña como fan os xuncos da beiramar. Sempre tiven o aquel de non ter estado na Gándara esa tarde. De non escoitar as chamadas de auxilio. De non ter chamado axuda para que entre todos puideramos librarte daquela cénaga pegañenta. Pero eu, o teu amigo, estaba demasiado ocupado estudando nun dos mellores colexios da cidade. Aprendendo mil e unha cousas novas. Memorizando recursos literarios cos que algún día adornar a tráxica historia da tua morte.

Francisco Maceira Rodríguez (Ferrol, 51 anos).