O festival xaponés de Sapporo premia unha obra musical de dous artistas galegos

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O compositor Karolis Biveinis e a cantante Mónica de Nut.
O compositor Karolis Biveinis e a cantante Mónica de Nut.

A composición Voicing (III parte) foi gabada polo compositor Ryuichi Sakamoto, quen destacou o seu «impacto» así como a sintonía entre o tema artístico que explora a obra coa temática do festival

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A composición Voicing (III parte), dos galegos Karolis Biveinis, compositor, e Mónica de Nut, cantante, recibiu un dos catro premios Silver Award que outorga o Festival Internacional de Arte de Sapporo, celebrado en Xapón. A peza, que fora escrita no 2008 e gravada ao ano seguinte, foi gabada polo director convidado do certame nipón, o compositor Ryuichi Sakamoto, quen destacou o seu «impacto» así como a sintonía entre o tema artístico que explora a obra coa temática do festival, arquivos sonoros para seren reproducidos en espazos públicos urbanos. Voicing (III parte) quedou entre os tres primeiros postos dos galardóns do certame, ao que se presentaron 578 propostas de todo o mundo. «Era difícil escoller entre os tres mellores traballos», explicou Sakamoto.

A peza de Biveinis e a súa interpretación por Mónica de Nut tira partido do potencial da voz humana. A composición «de carácter minimalista» consta de tres partes na que se exploran outras tantas posibilidades da voz, neste caso feminina: «murmurio, fala e canto», describe o seu autor. Para isto, emprega canons, superposicións flotantes e patróns melódicos en bucle. Na terceira parte conflúen trece diferentes patróns melódicos utilizados como bucles repetitivos que medran ata a culminación, retrocedendo para unha recapitulación e desaparecendo igual que ao principio.