Crónicas e glosas deformantes

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carlos López (Boimorto, 1967) é o 50% do dúo de humorismo gráfico Pinto & Chinto.
Carlos López (Boimorto, 1967) é o 50% do dúo de humorismo gráfico Pinto & Chinto. CÉSAR QUIAN< / span>

O escritor e humorista Carlos López presenta «Raros e curiosos», o seu novo libro e o primeiro nidiamente dirixido ao lector adulto

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Fóra do seu poemario Espello sen fondo (2000), o escritor e humorista Carlos López -que integra con David Pintor a parella de humorismo gráfico Pinto & Chinto, que entrega tira cómica diaria en La Voz- sempre traballou para un público infantil, o cal non quere dicir que a súa produción non teña unha lectura adulta. Agora estréase cunha colección de contos nidiamente dirixida a unha audiencia composta por maiores de idade. Raros e curiosos contén un fato de relatos, de «crónicas delirantes cuxo fío condutor son uns personaxes estrambóticos». Mantén, iso si, un denominador común omnipresente, imprescindible, nos seus traballos (e que afecta, por suposto, á súa obra gráfica, á caricatura política): un humor raiano no absurdo, no surrealista, no disparatado.

López recoñece un xiro na súa linguaxe, un cambio radical, e que comporta a busca do público adulto. Da súa escrita sinxela, directa -en consonancia tanto ca fala como ca visión do mundo dos rapaces-, pasou a empregar un estilo caracterizado por unha tensión estética marcada por un peculiar barroquismo deformante. «A propia linguaxe persegue a comicidade a través da forma, arcaizante na maioría das ocasións», matiza, e que busca estar acorde -e sustentada- cos personaxes, «unha galería verdadeiramente esperpéntica». Polo libro desfilan deportistas, un zapateiro, un montañeiro, futurólogos, un campión de xadrez, músicos... Moitos tipos diversos de home dos que Carlos López fai unha breve semblanza, unha especie de glosa, «retratos ao minuto, que diría Cunqueiro».

O escritor admite que puido haber algo daqueles outros feirantes do xenio mindoniense na súa cabeza cando concibiu estes contos, como tamén algo das esaxeracións cultas de Cela, xa que son dúas das súas lecturas de cabeceira. Pero quizais tamén algo das Cosmicómicas ou do barón rampante de Italo Calvino, e ao mellor ata de El Buscón de Quevedo. Todo ese caudal de memoria emocional aflora en Raros e curiosos atravesado polo oficio do periodismo tomado dun xeito paródico, porque ao cabo estes textos non deixan de ser crónicas ficticias.