«A cousa»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

06 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Mentres uns andan a medir o tamaño do bigote de Martin Heidegger, e suxiren que o coidaba á maneira de Hitler, outros profundan e sácanlle proveito a unha das obras filosóficas senlleiras no século XX, e que marcou o camiño do pensamento por vir. Entre os últimos, sitúase o selo rianxeiro Axóuxere, que trouxo ao galego (en edición bilingüe) o texto do autor alemán A cousa, un breve libriño pero de gran impacto que invita ao lector a ir máis alá das cousas, da súa esencia, a abrir a percepción tras as posibilidades aparentemente ocultas das cousas (en boa medida, o fundamento da filosofía e tamén da ciencia). Ao fío desta idea, precisamente, a edición trata de levar o texto -mediante unha tradución axeitada- a escenarios non especializados; é dicir, que a súa semente prenda na xente a través da fala sinxela do pobo. O esforzo de Otero e Palao busca que os conceptos complexos queden expresados cunha linguaxe próxima que achegue a metafísica á cultura propia.

«A cousa», de Martin Heidegger

Tradución de Almudena Otero e Ramón Palao.

Axóuxere Editora.

121 páxinas. 10 euros.