Inma López Silva desmitifica con humor o embarazo en «Maternosofía»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora di que tiña moi claro, dende o primeiro momento, que quería contar o proceso «dunha forma literaria»

15 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tiña moi claro, dende o primeiro momento, «xa cando trataba de quedar preñada», que ía ser algo que «quería contar dunha forma literaria». Non houbo improvisación. «O diario do meu embarazo non ía quedar na esfera íntima, en realidade decido facelo coa idea do libro final na cabeza». Quen fala é Inma López Silva (Santiago, 1978), novelista que vén de publicar en Galaxia Maternosofía ou o embarazo da escritora primípara.

O libro comeza cunha entrada na que fala da súa experiencia co predictor e remata co parto, ao que lle incorpora un epílogo redactado meses despois de que nacera a nena, Sofía. López Silva trata de ofrecer unha visión novidosa sobre esta experiencia, pero sobre todo, di, persigue a desmitificación da maternidade. Ela, de feito, carecía de todo instinto maternal. «Eu non son nada mística». O que hai que saber, incide, é querer ao bebé cando nace e ter sentido común para crialo. Con iso basta.

Cun ton de inclinación confesional -xa testado dalgún modo en New York, New York (2007)-, próximo, narrado en días soltos, e con moito sentido do humor e certa querenza feminista, a escritora compostelá interesase pola visión social do embarazo hoxe, pola situación da muller como nai na sociedade actual -«confrontando as miñas observacións cas miñas ideas»-, de tal maneira que o texto toma folgos de ensaio en moitas pasaxes. De feito, trata de analizar en si mesma se esta vivencia a cambiaba como muller, como suxeito, se mudaba a súa forma combativa de pensar. Non sucedeu tal. Non só iso, viuse «totalmente ratificada na súa posición crítica».

Inma López Silva non traga con esa identificación automática e universal que se fai: muller igual a maternidade. Así, escribe contra a idea de nai abnegada, contra a presión dos que defenden a lactancia natural, contra o exceso de responsabilización e mesmo contra os que abominan da epidural -«iso de que mellor nai canto máis se sofre»-.

É un pouco un alegato feminista, pero de alguén sabedora de que cousas como «o feminismo naturalista» e o que postula -«a crianza recae na nai», que ela atribúe a unha filiación xudeo-cristiá- fraco favor lle fan á muller. Nun estilo marcado pola ironía e o desenfado, López Silva invita a asumir unha evolución social que hai tempo que debeu arrombar esa conciencia biolóxica estrema.

O libro está tendo continuidade nun blog que mantén na web de Galaxia sobre a maternidade, e no que percibe a resposta da xente. «Hai moito interese entre os lectores, nunca tiven un feedback tan intenso nun libro meu, e leva só quince días na rúa». Algo no que ten que ver, di, que non hai moito escrito en galego sobre o tema.