A editora Axóuxere pecha a súa Residencia de Escritores por falta de axudas

H. J. P. Redacción / La Voz< / span>

CULTURA

Dende que botou a andar hai case tres anos pasaron pola casiña rianxeira máis dunha decena de autores

11 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O soño da Residencia de Escritores morreu, alomenos temporalmente. Si, aquel proxecto da editora independente de Rianxo Axóuxere na procura de «configurar un espazo propiciatorio para o traballo creativo en calquera das formas que este se poida dar; un espazo que, fóra da lóxica da produción e do imperativo do resultado, permita un fluxo do tempo propio, libre de determinacións alleas ao proceso creativo -e vital- das persoas». Dende que botou a andar hai case tres anos pasaron pola casiña rianxeira máis dunha decena de autores de Brasil, Mozambique, Venezuela, México, Portugal, España, Italia ou Polonia, en convocatorias estacionais, periodicidade flexible debido á notable demanda. Ao redor da súa obra e traballo organizáronse charlas, lecturas, obradoiros de escrita creativa..., e ata algúns se levaban á biblioteca municipal.

Pero a falta de apoio das institucións á iniciativa levou a Axóuxere a pechar un inmoble -lugar de Brión, parroquia de Leiro, cerca da praia das Cunchas- que xa se tiña convertido nun dos focos máis rebuldeiros da cultura alternativa do país. Segundo explica Roberto Abuín, un dos seus impulsores, aproveitarán o parón para abrir un período de meditación para ver de como retomala residencia e conciliala cun proxecto cuxa posta en marcha acariñan hai tempo: unha escola de pensamento e escrita.