Estudan o léxico patrimonial de Galicia, Portugal e Brasil

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O «Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués» inclúe xa 156.000 rexistros, 44.365 lemas e 71.422 variantes

21 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués inclúe xa 156.000 rexistros, 44.365 lemas e 71.422 variantes. O Instituto da Lingua Galega (ILG) ofrece desde onte este corpus, de xeito libre e gratuíto (no enderezo web http;//ilg.usc.es/Tesouro/).

A Universidade de Santiago lidera esta iniciativa desde o ano 2009. Tamén se somaron dúas portuguesas, de Coimbra e Lisboa; e 17 de Brasil con posterioridade. Os traballos xa realizados integran un total de 112 obras, 8 do Brasil, 49 de Galicia e 55 de Portugal.

Os materiais galegos utilizados son moi diversos. Por un lado hai teses de doutoramento e outros traballos académicos de investigación sobre léxico realizados nas últimas décadas; e contribucións de persoas interesadas non especialistas, ou páxinas de colexios dedicadas para recoller léxico do seu espazo máis próximo.

Desta maneira hai a oferta dun amplo tipo de traballos e autores de diferentes idades, de valor para a investigación lingüística e de outras moitas disciplinas, con acceso rápido e cómodo a toda esa información.

No lanzamento deste repositorio participaron o vicerreitor de investigación da USC, Francisco González; e Ernesto González, Rosario Álvarez e Xulio Sousa, do ILG.