Unha biografía recolle o periplo vital e analiza a obra literaria de Díaz Castro

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor, Armando Requeixo, pretende cubrir con esta obra «un oco informativo e analítico» dun «creador ben máis vizoso do que se ten divulgado»

18 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As novidades literarias arredor do escritor homenaxeado este ano co Día das Letras, Xosé María Díaz Castro, comezan a chegar ás librerías. Unha das primeiras é a biografía que preparou o profesor e crítico Armando Requeixo para Galaxia, e que documenta tanto o periplo vital do autor de Nimbos como presenta unha achega analítica á súa obra, principalmente poética e en galego, aínda que tamén se ocupa doutros xéneros e noutras linguas. Requeixo, que dedicou a Díaz Castro a súa tese de doutoramento, lembra no limiar que o poeta chairego foi obxecto de escasas monografías, e pretende con esta obra cubrir un «oco informativo e analítico» dun «creador ben máis vizoso do que se ten divulgado».

Deste xeito, a biografía arranca dende os primeiros anos de Díaz Castro en Guitiriz, o seu paso polo seminario de Mondoñedo, as estadías por motivos laborais en Madrid, por exemplo, e o seu regreso á terra natal para os últimos anos.

En canto á obra literaria, a biografía contextualiza a produción poética de Díaz Castro e aborda o libro polo que é maiormente coñecido, Nimbos, aínda que tamén se detén en obras como Nascida d?un soño e poemas soltos, ademais de traballos inéditos, como son os libros Follas verdes e Follas ô aire, escritos na década dos anos trinta. Ademais, Requeixo ocúpase dos versos en castelán de Díaz Castro e mais das súas traducións, actividade á que se dedicou profesionalmente, e nas que destacan as súas versións de autores como Chesterton ou Rilke, así como das novelas do axente 007 de Ian Fleming. Entre outros contidos, a biografía tamén rescata unha faceta ignorada de Díaz Castro como foi a de contista humorístico.