Carlos G. Reigosa: «Carlos Conde encarna ao heroe da transición»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tras unha longa ditadura, o xornalista investigador era máis crible que o policía, anota Bieito Iglesias

07 feb 2014 . Actualizado a las 09:37 h.

Carlos G. Reigosa é o pai da novela negra galega. Pero tan pioneiros son o aventureiro Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, a parella que se estrea na investigación en Crime en Compostela (1984). Nivardo é aínda un predetective que logo se converte en detective, explica Reigosa, e «Conde, como xornalista, encarna ao heroe da transición», apunta o escritor Bieito Iglesias, creador do inspector Nespereira, que recorda o caso do periodista Gálvez nas obras de Reverte. Iglesias sinala «a dificultade que aparellaba, vindo da ditadura, empregar a un funcionario de policía [modelo francés, Maigret] como investigador, xa que se pensaba que non podía ser independente do poder, con personalidade propia, do que discrepo: sempre hai quen traballa con honestidade e respecta o oficio». Tamén presentaba dificultades o detective (modelo americano), porque en España era unha figura descoñecida cuxa actuación profesional estaba moi limitada legalmente.

Para o escritor Miguel Anxo Fernández, creador do detective Frank Soutelo, trinta anos son moitos para unha creación artística, e «poucas superan o implacable paso do tempo». Hoxe, anota, Reigosa escribiría a novela doutra maneira. «O lector lle esixiría outras actitudes e outro modus operandi a Nivardo e ao seu colega. A policial de agora vai máis pegada á realidade social, é máis violenta, escura e suxa. En parte porque o cinema camiña por aí... Axilidade na estrutura narrativa, na montaxe e mesmo nos diálogos».

«A alma tínxese de negro»

Pero Crime..., engade Fernández, si certificaba un axioma do xénero: «Alí onde estea o ser humano, a alma tínxese de negro. Se hai trinta anos, uns detectives camiñaron por Santiago, ben poden facelo por calquera lugar de Galicia: o país como marco».

Diego Ameixeiras, autor das novelas do detective Horacio Dopico, confirma que «se che interesa o xénero tes que pasar por Reigosa, quen estreitou o retraso que había con respecto aos pioneiros españois Montalbán e González Ledesma». Recoñece ademais outras referencias galegas heterodoxamente negras, unha anterior a Crime en Compostela: «A violencia, os baixos fondos, o realismo e os personaxes marxinais xa estaban en Blanco Amor, en A Esmorga». Ameixeiras tamén ve moi negra a novela de Antón Risco O caso e toda a obra de Aníbal Malvar, un referente fundamental para el.

Reigosa ultima a sexta entrega das andainas de Nivardo e Carlos (que quere presentar no verán), ten en mente a sétima, e matina na idea de que incluso, xa anciáns, acaben investigando na residencia da terceira idade.

Unha das súas principais preocupacións, di o autor, é a credibilidade dos protagonistas. O que non lle gusta dos clásicos norteamericanos é que pasan as novelas e o detective sempre fala igual, ten o mesmo xesto e non muda a idade. «Quero que os personaxes evolucionen, avellenten coma min. Empezaron con arredor de 30 anos e agora superan os 50. Xa non poden comportarse e andar tras as mulleres como rapaces», advirte.