Unha idade dourada do «noire»

La Voz

CULTURA

06 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Consello da Cultura Galega dedícalle hoxe unha xornada de debate aos 30 anos de novela negra galega, que naceu con Crime en Compostela. «Reigosa foi o noso Neil Armstrong, o primeiro en poñer o pé nese satélite por colonizar», di Francisco Castro, que gañou o último Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia co seu debut no xénero, no que aparece por vez primeira o inspector Hermida, un personaxe con futuro. Como moito futuro ten un xénero que «vive en Galicia unha idade dourada», advirte An Alfaya, criminóloga, detective privada e escritora que tamén probou o rexistro negro en Matei un home con motivo do concurso de La Voz. Alfaya explica que a normalidade que fundou Reigosa fai posible hoxe «interesantes casos de escritores especializados en novela negra, con calidade e éxito, como Villar, Ameixeiras e Pedro Feijoo, que manexan linguaxes próximas ao xornalismo». Manuel Forcadela, creador do exboxeador investigador Toni Barreiro, confire moita relevancia aos cambios sociais que fixeron agromar a novela negra e que localiza: autogoberno e coidado pola cultura propia. «Crime en Compostela concilia a idea de que se pode facer unha teoría da realidade a partir de calquera xénero literario». Hoxe, di, as condicións políticas son deplorables para a cultura galega pola «barbarie liberal burguesa que nos goberna», pero o conflito, recoñece, tamén é bo caldo de cultivo para o autor policial, xa que o conflito maniféstase a través da violencia.