Villar e Cobas transforman a «Negra Sombra» rosaliana en fada protectora da escritora

X. F. redacción / la voz

CULTURA

Villar e Cobas presentaron a obra na libraría Biblos de Betanzos.
Villar e Cobas presentaron a obra na libraría Biblos de Betanzos. c. delgado< / span>

No libro ilustrado «A pantasma da casa da matanza» dálle a volta á visión clásica, melancólica e tristeira do símbolo e múdaa por unha presenza benigna e vitalista

19 dic 2013 . Actualizado a las 09:43 h.

Os de Negra Sombra son algúns dos versos máis coñecidos de Rosalía de Castro, pero non por iso a súa interpretación resulta diáfana. Fronte a visión clásica, melancólica e tristeira da sombra «que sempre asombra», Miro Villar propón unha lectura diferente. No libro A pantasma da casa da Matanza (Biblos), que conta coas ilustracións de Xosé Cobas, Villar cede a voz a ese espírito que Rosalía deu en chamar a Negra sombra. Trátase dunha presenza benigna, mesmo vitalista, que acompaña á escritora no seu proceso de composición poética, e que ata ten a capacidade para contribuír a sandala cando cae enferma. «Esa ambigüidade que ten o poema de Rosalía permitiume imaxinar á Negra Sombra como algo positivo», explica o autor, para quen o 150 aniversario de Cantares Gallegos, que se celebrou ao longo deste ano, pon de manifesto a «plenitude e a total vixencia» da obra da escritora, e que permite «facer múltiples lecturas, no eido literario ou tamén no musical». Villar tamén trasladou esa ambigüidade á forma que lle deu ao seu texto, un híbrido entre conto e poesía, e que mestura o mellor de ambos os dous xéneros: a forza narrativa do primeiro e a capacidade expresiva da segunda.

O seu esforzo veuse correspondido na «dozura e delicadeza» coa que, na súa opinión, Cobas interpretou a historia en imaxes. O ilustrador recoñece que foi un reto fermoso darlle corporeidade a algo tan etéreo como unha pantasma, que ao final atrapou na forma dunha pomba. «Ela é a que proxecta a súa sombra sobre a escritora, aínda que ao final os papeis invértense», explica. Ademais de coas imaxes principais, Cobas xogou cos fondos, que escurece ou aclara en función da enfermidade ou saúde de Rosalía, para quen a Negra Sombra asume un papel de «amiga, como de fada protectora».