«A poesía axúdanos a construír o noso proxecto existencial»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

López-Casanova ingresa hoxe na RAG como membro honorario

09 nov 2013 . Actualizado a las 10:31 h.

Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942) será recibido hoxe (12.00 horas) como membro de honor da Real Academia Galega cun discurso sobre Rosalía, que será contestado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Profesor de literatura en Valencia, López-Casanova posúe unha longa traxectoria poética na que destaca Mesteres, que o seu autor define como «un ciclo poético de case vinte anos». «Responde á confluencia de dous mundos (e dúas experiencias): o galego -que se vive dende a perda, dende a desposesión- e o mediterráneo, luminosa paisaxe do exilio. A parte diso, coido que o poemario aportou, nuns momentos de mostrenco prosaísmo e deterioro poéticos, a importancia do poema coma obxecto estético e do esmero pola palabra artística (sen o que non se pode dar a poesía)», engade.

-Dicía Torrente Ballester que non era igual mirar o Mediterráneo, onde nace o sol, que o Atlántico, onde se pon. ¿Inflúe esta perspectiva na súa poesía?

-Certo que inflúe. Dunha banda, a distancia deume outra visión -que por máis necesitaba- da Terra-Nai-, permitiume outra ollada, outro xeito de sentila ou recoñecela. Doutra banda, a paisaxe mediterránea incorporou ó meu mundo poético uns elementos escénicos (e simbólicos, claro) que obviamente non tiña. Foi un descubrimento enriquecedor (aínda que doloso).

-O tema do exilio e o desarraigo están moi presentes na súa poesía. ¿Que papel asume a poesía fronte a dor e a perda?

-Para min, a poesía tivo sempre unha función edificativa, é dicir, que nos axuda a iluminar e construír con autenticidade o noso proxecto existencial, e mesmo ábrenos tamén a unha ética (axúdanos a descubrir e comprender «ós outros», ás persoas).

-Malia a distancia, nunca deixou de escribir en galego. ¿O acto de hoxe é un recoñecemento a esa traxectoria de poeta galego?

-Entendo -e agradezo- que a Academia quixo dar un recoñecemento ó meu traballo creador e investigador, ó que fun desenvolvendo case ó longo de medio século fora dos lindeiros patrios pero sempre fiel á galeguidade.

-O seu discurso aborda a modernidade da poesía de Rosalía. ¿En que radica esa modernidade?

-Expoño no meu discurso que na data do 1880, Follas novas é un fito illado e excepcional no panorama poético peninsular. A palabra rosaliana é un completo e complexo adianto de tódalas claves fundamentais da lírica moderna (a condición do suxeito lírico, as estratexias comunicativas, a imaxe simbólica), que, entre nós, chegarán logo coa xeración da vangarda.

-Como poeta e crítico, ¿como ve hoxe a literatura galega?

-Véxoa ben no ámbito da creación (en tódolos xéneros) e dos estudos (literarios, históricos), pero, pola contra, preocúpame moito o abandono lector. Ademais, estamos entrando nuns tempos e nun tipo de sociedade que parece que tenta coutar a memoria e maila imaxinación, pendentes só da máis mostrenca practicidade e da adición ás máquinas, ós obxectos, e ó que se lle amosa coma imaxe (non como palabra fundante). Todo isto supón un grave perigo que non sei a onde nos pode levar. Un crítico italiano sentenciaba, ó respecto, que «literatura» -polas rotas que se albiscan- estaba deixando de rimar con lectura, con escritura e con cultura.

arcadio lópez-casanova poeta