«Vento e chuvia» devolve á vida os deuses castrexos

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Un proxecto transmedia divulga a mitoloxía galega da Idade de Ferro

31 oct 2013 . Actualizado a las 17:33 h.

Reue, Bandua, Nauia, Cossue... Nomes esquecidos baixo o peso dos tempos que volven á vida grazas a un proxecto transmedia que ten como buque insignia o libro Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Xerais), un volume que onte presentou o seu autor, Manuel Gago, que entreteceu investigación científica e literatura para que os lectores poidan achegarse a «deuses moi estendidos e importantes» na Idade de Ferro e así redescubrir o mundo castrexo.

Son relatos baseados en datos científicos que ademais contan coas ilustracións de Manuel Cráneo, que dan aínda máis forza ás dúas capas, a imaxinaria e a investigadora, da que se compón o volume.

«En realidade coñecemos moi pouco a nosa historia», sentenciaba onte Manuel Gago, entre outras cousas porque ata hai relativamente pouco había moi escasa divulgación científica e non só no ámbito das Humanidades, tamén no das ciencias experimentais, polo que o estudo, por exemplo, da mitoloxía castrexa, quedaba agochado entre o círculo dos seus estudosos. Porén, xa se ten constatado o crecemento do interese polos devanceiros, así que é hora de que os deuses castrexos regresen a Galicia.

Do libro penduran outras moitas actividades. Ademais de merchandising, obra teatral que se adapta a grandes e pequenos auditorios e de obradoiros para os pequenos, unha web con contidos aumentados permitirá aos que merquen o libro acceder ao making of e a roteiros polos lugares que aparecen no libro, a inmensa parte reais. Hai, porén, outra parte que precisa do traballo do lector. Para poder acceder a tres relatos novos, entre eles o que ilustra a capa do libro, haberá que localizar ao propio Manuel Gago, que escribirá ao lector o código de acceso.