Unha obra artella ensaios e vida do «fenomenólogo» García-Sabell

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

A obra sobre Sabell editada polo Centro Ramón Piñeiro presentouse onte en Santiago.
A obra sobre Sabell editada polo Centro Ramón Piñeiro presentouse onte en Santiago. Álvaro Ballesteros< / span>

O Centro Ramón Piñeiro edita un traballo con escritos filosóficos e unha biografía do médico humanista compostelán falecido hai dez anos

30 oct 2013 . Actualizado a las 09:46 h.

Domingo García-Sabell (1908-2003) non escribiu nada específico sobre a fenomenoloxía, pero todo o que contou e verteu en textos o fixo do mesmo xeito en que mira a realidade un fenomenólogo: liberado e sen prexuízos, e respondendo ás cuestións que se prantexan. Ramón López Vázquez, catedrático de Filosofía e colaborador do centro Ramón Piñeiro, explica así a obra Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, un traballo que coordinou e que se presentou onte en Santiago de Compostela coa presenza de Xerardo Fernández Albor, quen foi amigo íntimo do escritor; Xosé Carro Otero, membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; Alfonso Varela Durán, médico e discípulo de García-Sabell; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, ademais do propio coordinador da obra, Ramón López.

Teoría e aplicación

Nesta obra recóllense ensaios do médico, escritor, político e humanista compostelán, así como a biografía do galeguista que morreu hai xa dez anos. Nunha primeira parte afóndase nos principios teóricos e na segunda na aplicación destes á cultura galega da segunda metade do século XX. «Este libro -eloxiou a súa filla Teresa- é a homenaxe que meu pai querería. Teño que darlle as grazas a Ramón, porque me deu unha visión global do meu pai».

Carro Otero falou de García-Sabell como membro da Academia de medicina, un posto que ocupou durante case trinta anos e no que ingresou cun discurso sobre a medicina de signos e a medicina de síntomas. «Viviu baixo a influencia de dous médicos -engadiu Carro-, Roberto Novoa Santos e Rof Carballo», que contribuíron ao desenvolvemento desa medicina psicosomática da que agora se fala moito, pero que no día a día, nas súas urxencias, esquécese moitas veces a psique. «De vagariño enténdense mellor as cousas», aclarou Carro Otero. De feito, foi nesa faceta humanista na que máis afondou Otero, xa que «o médico que só sabe de medicina -subliñou- nin medicina sabe». Científico, antropólogo e humanista, tamén tivo verbas de admiración o seu discípulo Alfonso Varela Durán, quen definiu a Domingo García-Sabell como un gran «referente da medicina, da escritura e da humanística».

Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, referiuse á obra -presentada e editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- como «un feito de recuperación pero tamén de recoñecemento a un home e a toda unha xeración que soñaron unha Galicia subida ao tren da modernidade, e que traballaron moito por logralo», rematou.