Nace en Santiago a escola privada de ilustración O neno amarelo

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Miguel Vázquez Freire (de pé) e Xosé Tomás, nun acto literario para público infantil.
Miguel Vázquez Freire (de pé) e Xosé Tomás, nun acto literario para público infantil. cris garcía< / span>

As sesións combinan formación práctica e teórica con clases maxistrais

08 oct 2013 . Actualizado a las 13:12 h.

O neno amarelo, o personaxe creado a finais do século XIX polo norteamericano Richard F. Outcault, pioneiro do cómic, dá nome á escola privada de ilustración que vén de iniciar a súa andaina en Santiago de Compostela. A iniciativa arranca con dez alumnos que se achegarán á ilustración no contexto do mundo editorial, tanto de xeito teórico como práctico.

O neno amarelo, que celebra as súas sesións cada venres en San Martiño Pinario, nace da colaboración de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. Os tres coincidiron na revista Golfiño e dende anos desenvolven diversos proxectos conxuntos arredor da ilustración e o seu significado pedagóxico. Xosé Tomás, profesor e ilustrador, ocúpase da parte práctica, pero avanza que a teoría tamén ten unha cota do 50?% no programa deseñado pola escola. «O debuxo é unha técnica, que practicando se perfecciona, pero igualmente importante é que o traballo naza da reflexión e dos coñecementos da comunicación mediante a imaxe», explica Xosé Tomás. En consonancia, as sesións inciden moito nos conceptos de semiótica visual, de historia da arte e do valor da imaxe en proxectos de carácter formativo.

No programa do curso figuran cuestións de índole narrativa, como a elipse, a formación dun criterio propio para discriminar as ilustracións malas das boas, ou o traballo do debuxante ante a chegada da edición electrónica, entre outras materias. Ademais das sesións con Xosé Tomás e Vázquez Freire, están previstas varias clases maxistrais. O escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas visitarán O neno amarelo para detallar como é a relación creativa que se establece entre o autor das palabras e o das ilustracións dunha obra.

Edición e dinamización

Outras achegas abordarán aspectos máis centrados na xestión, pero igualmente importantes. Mercedes Cerdeiras, directora da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, falará do percorrido dunha obra xa publicada, mentres que a directora de Baía, Belén López, debullará o funcionamento do traballo editorial. Precisamente Baía colabora tamén con O neno amarelo elixindo a un dos alumnos -que realizarán un proxecto final baixo a titoría dos profesores- para ilustrar un álbum de xeito profesional.

O neno amarelo supón a aparición da segunda escola privada galega orientada á ilustración, xunto con O garaxe hermético, posta en marcha en Pontevedra por Kiko Da Silva, máis orientada ao mundo do cómic.