Unha década de esquecemento para a obra de Francisco Taxes

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Paco Taxes, deitado, e Vidal Bolaño, de costas, na curta «As cinzas do tío Xulián».
Paco Taxes, deitado, e Vidal Bolaño, de costas, na curta «As cinzas do tío Xulián». arquivo taxes< / span>

O dramaturgo morreu hai dez anos, seis meses despois de Vidal Bolaño

01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai pouco máis de dez anos desapareceu un dos autores fundamentais do teatro galego. Neste 2013 todo o mundo pensará que se fala de Roberto Vidal Bolaño, pero en realidade hai unha década tamén desapareceu alguén que se pode considerar compañeiro de xeración ou de comezos, compañeiro de traballos e tamén de opinións, Francisco Taxes.

Hai dez anos que desapareceu Paco Taxes, quizais o primeiro autor galego en ter un éxito de público co seu Velorio. Pero os dez anos pasados desde o seu falecemento en febreiro de 2003 só supuxeron aumentar a distancia entre o escritor e o mundo teatral, unha distancia que xa se iniciara cos dez anos últimos da súa vida, nos que os problemas de saúda xa o mantiveran lonxe dos escenarios.

Falecido seis meses despois que Vidal Bolaño, a proximidade con este último non supuxo que ao longo deste ano das Letras dedicado ao dramaturgo compostelán supuxera unha reivindicación de Taxes. Para o fillo do escritor coruñés, Xurxo Taxes, explica que a súa familia «festexou e festexa a elección de Vidal Bolaño como homenaxeado coas Letras Galegas», pero advirte como unha mágoa que «malia a amizade e os moitos e documentados vencellos entre ambos dramaturgos, Francisco Taxes non é nin tan sequera nomeado na meirande parte das achegas xornalísticas e bibliográficas ao autor homenaxeado este ano pola RAG».

Xurxo Taxes, editor da Obra Dramática publicada por Xerais sobre o seu pai e autor do estudo que introduce esa obra, constata unha distancia entre os textos do seu pai e o sector escénico galego, especialmente co profesional. Explica que desde a súa morte «non houbo proposta ningunha do teatro profesional nin do institucional ao longo destes dez anos» para a montaxe dos seus textos. É unha circunstancia que a familia do autor lamenta, entre outras cousas porque Taxes foi sempre un defensor dos autores galegos. Lembra algunhas declaracións do seu pai: «o teatro en Galicia para chegar a ser teatro galego, pasa, ten que pasar pola obriga de desenterrar aos mortos: Blanco Amor, Cunqueiro, Cotarelo Valledor, Lugrís Freire, Rafael Dieste, Leandro Carré Alvarellos, Vicente Risco, Villar Ponte, López Abente, Cabanillas, Varela Buxán e outros moitos que farían o listado inacabable». Unha declaración que, naquela altura, criticaba «un abusivo e errado recurso ás traducións e adaptacións por parte do Centro Dramático Galego».

Desde a súa desaparición, segundo confirma o seu fillo, «só algunhas compañías de teatro amador mostraron interese na obra de Taxes». Ademais diso lembra o interese o traballo desenvolvido polo IES Terra de Soneira, en Vimianzo e tamén a apertura dunha rúa en Oleiros que lembra ao escritor entre as rúas Rosalía de Castro e Ramón del Valle-Inclán.