Desaparece do Concello de Silleda o legado da actriz Marisa Soto

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A familia de Marisa Soto cedera ao concello o seu arquivo.
A familia de Marisa Soto cedera ao concello o seu arquivo.

O goberno local recoñece a perda dos documentos antes do ano 2011

27 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Silleda extraviou o legado de Marisa Soto que fora confiado a esta institución pola familia da actriz pouco tempo despois do seu pasamento. O concello recoñece a perda dos papeis e asegura que abriu unha investigación para saber que foi deles.

A familia de Marisa Soto cedeu o legado da actriz ao Concello de Silleda tempo despois do seu pasamento. Naquela altura, os documentos, entre os que había obras, recortes, imaxes da súa vida no teatro e na televisión, foron depositados na casa da xuventude que levaba o seu nome con intención de ordenar e catalogar todo o legado.

Unha moción de censura cambiou o goberno local sen que chegara a realizarse o inventariado. Nesta pasada primavera a Mostra de Teatro de Cangas avanzou a intención de facer unha homenaxe a Marisa Soto e pensou utilizar un dos textos escritos pola actriz. María Armesto, unha das responsables do festival, sinalou que Soto «realizara durante unha estancia en Moscova unha dramaturxia para os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro».

Armesto púxose en contacto coa familia da actriz e a familia preguntou no concello se era posible localizar no legado esa obra. Foi entón cando se comprobou que o legado non estaba na casa da xuventude. A primeira resposta que recibiu a familia foi que se fixera unha limpeza e se retiraran os papeis do cuarto no que se gardaba o arquivo da actriz.

Paula Fernández, a alcaldesa que recibiu o legado e que volveu á alcaldía nas últimas eleccións, recoñece que os papeis da actriz non están. A alcaldesa explica que cando se recibiu a petición da familia «comprobamos que o legado non estaba na casa da xuventude no que se depositara».

Segundo a rexedora «o anterior goberno deu orde de limpar a casa da xuventude e de trasladar as cousas que tivesen valor aos almacéns municipais». Comezou unha busca nova nos almacéns que ten este concello, pero, tras a procura, o legado da actriz tampouco foi encontrado nesas instalacións e o concello deu por perdido o arquivo de Marisa Soto.

A aínda alcaldesa, que acaba de ser designada senadora por Galicia e terá que deixar o concello, asegura que se abriu «unha investigación para coñecer en que momento ou baixo a responsabilidade de quen se perderon ou foron tirados eses papeis». Esta investigación explicou, segundo a alcaldesa, que «a limpa non foi realizada directamente polos funcionarios da casa da xuventude, senón por personal temporal, posiblemente do Grumir, que recolleu e tirou sen ter en conta o valor dos arquivo».

Paula Fernández tampouco resta responsabilidade nesta perda aos funcionarios da casa da xuventude «por non ter máis control sobre ese arquivo que fora confiado a eles».

A alcaldesa pediu desculpas á familia pola perda e asegurou sentirse «enfadada e avergoñada» por unha perda que considera algo máis que un descoido.