Miguel de Lira: «Temos que mollarnos e ir ver cine galego, sobre todo cando é bo»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Vaca Films

Miguel Domingo García Martínez vén sendo Miguel de Lira. Fundador da compañía teatral Chévere, actor nunha ducia longa de películas e intérprete en televisión do inesquecible Currás de «Mareas Vivas», o de Carnota é agora Manuel en «Somos gente honrada», a ópera prima do vigués Alejandro Marzoa que hoxe se estrea nos cines de toda España

14 jun 2013 . Actualizado a las 19:36 h.

Teatro, cine e televisión. En calquera deles pode aparecer Miguel de Lira (Lira, Carnota, 1964). Como home nacido á beira do mar, o actor fai comparanzas co peixe: o teatro sería peixe fresco; a televisión, peixe conxelado; o cine, peixe enlatado: «Os tres teñen as súas cousas», di. Agora tócalle peixe en conserva, xa que é un dos protagonistas de Somos gente honrada, película coproducida polos galegos Vaca Films que hoxe se estrea nos cines españois. Manuel (Miguel de Lira) e Suso (Paco Tous) son dous amigos que atopan dez quilos de cocaína cando están pescando.

-A primeira vez que viu a película dixo que lle sorprendera o resultado. Por que?

-Polo partido que Marzoa lle sacou a un guión sinxelo, que non simple. Unha peripecia básica foi crecendo ao pasar pola rodaxe, a montaxe e a postproducción, ata chegar á película, que está moito mellor do que esperaba con respecto ao guión. Moitas veces dise que todo está no guión, pero non necesariamente é así sempre. Marzoa ten habilidade para atopar pequenas cousas.

-É a ópera prima como director do vigués Alejandro Marzoa. ¿Cómo foi a rodaxe?

-Marzoa é un director de actores, moi talentoso, moi intuitivo, ten man esquerda cos actores e por iso nesta película os personaxes estamos entre augas, ás veces cómicos, ás veces dramáticos, ás veces riquiños e ás veces malvados. Marzoa manexa ben o ton do que quere, dirixe moi tranquilo, moi relaxado. Eu digo que é o director que susurra aos actores.

-¿Xa traballara con el?

-Si, en varias curtas, tamén centradas na amizade, entre dous amigos, ou entre un pai e un fillo. Fixo o que tiña que facer con esas curtas, aprendeu ben o oficio e agora resolve con solvencia de liga de campións todo o que aprendeu.

-Rodada en Galicia e con moita participación galega...

-Na presentación que fixemos en Madrid destacaban precisamente o bo casting galego, que redondea a película. Están Ricardo Barreiro, Luisa Merelas, Morris, Pico... Todos son personaxes que están sendo moi destacados.

-Iso de atopar dez quilos de cocaína pode pasarlle a calquera, ¿non?

-¡Seguramente xa ten pasado! Non vou poñer casos, todos sabemos que ten pasado e non darei nomes. A gran diferenza é como xestiona iso cada quen. Cada espectador vaise formular esa pregunta da legalidade, das avaricias...

-¿Como vai a película?

-Estivemos en Málaga e en Cans, con moito éxito de público, que incluso cadra coas boas críticas.

-Non é pouco coa que está caendo, ¿non?

-As políticas culturais están sendo durísimas, e para os cines máis, polo cambio de linguaxes, polas descargas. Non é un síntoma saudable nunha sociedade que debería ir máis ao cine, e máis ao que se está facendo aquí. Estase abandonando a práctica de ir ao cine e entre o absentismo do espectador e a actitude hostigadora das Administracións... Temos que mollarnos e ir ver cine galego, sobre todo cando é bo, como esta película.