Catro nomes para o Día das Letras

La Voz

CULTURA

14 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Real Academia Galega pechou onte o prazo para a presentación de candidaturas para escoller ao vindeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas. Hai catro nomes que se poden considerar candidatos formais, Ricardo Carvalho Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Filgueira Valverde e Fiz Vergara Vilariño. Hai outros dous nomes posibles, pero a RAG aínda ten que comprobar se as candidaturas presentadas reúnen os requisitos establecidos no regulamento. O pleno para a elección terá lugar o vindeiro 21 de xuño, venres.

Xosé María Díaz Castro. (Guitiriz, 1914-1989). O vindeiro ano celébrase o seu centenario, recentemente presentado na RAG. Como poeta é autor dunha soa obra, Nimbos (1961), pero a súa influencia foi decisiva nas xeracións posteriores.

Ricardo Carvalho Calero. (Ferrol, 1910-1990). Un dos grandes estudosos e divulgadores da literatura galega, destaca polas súas edicións críticas de clásicos e a súa abondosa produción ensaística, ademais de cultivar a narrativa e o teatro. É unha das principais referencias da corrente reintegracionista.

Xosé Filgueira Valverde. (Pontevedra, 1906-1996). A súa obra é principalmente divulgativa e científica, en consonancia co seu papel como xestor cultural á fronte do Museo de Pontevedra ou o Consello da Cultura foi impulsor da primeira normativa.

Fiz Vergara Vilariño. (Samos, 1953-1997). Poeta que pertenceu ao colectivo Cravo Fondo e dedicou a súa vida á escrita, case por completo no eido lírico, cunha orientación existencialista.