Cincocentos nenos cantan a Rosalía en Compostela

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A chuvia obrigou a trasladar o recital desde a praza da Quintana á igrexa de Bonaval.
A chuvia obrigou a trasladar o recital desde a praza da Quintana á igrexa de Bonaval. xoán a. soler< / span>

Estudantes de conservatorios e escolas de música de toda Galicia interpretaron poemas da escritora en Bonaval

08 jun 2013 . Actualizado a las 20:37 h.

Case cincocentos alumnos dos conservatorios e das escolas de música galegas cantaron onte en Compostela algunhas das pezas máis coñecidas de Rosalía de Castro para celebrar o sesquicentenario da edición de Cantares gallegos.

Baixo a convocatoria No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, a xornada dos estudantes de música, que teñen entre 8 e 12 anos, comezou cun ensaio xeral realizado na Cidade da Cultura e no que se encontraron por primeira vez os escolares máis o grupo de metais Hércules Brass e o director do concerto, Maximino Zumalave.

Pola tarde, o escenario elixido para a celebrar este concerto conmemorativo foi a igrexa de San Domingos de Bonaval. Este non era o espazo escollido inicialmente, pero as chuvias que se prevían para estes días fixeron que o Consello da Cultura, organizador do evento, decidise deixar a ubicación inicial na praza da Quintana por un espazo a cuberto.

Arredor de 475 nenas e nenos déronse cita para esta convocatoria, que tivo como programa unha selección de pezas musicadas a partir dos seus poemarios máis destacados. A selección que se puido escoitar no concerto de onte incluíu dous poemas do libro que este ano cumpre 150 de existencia, Cantares gallegos, os textos Rosa de Abril e En Cornes. Para estas dúas versións, utilizáronse os arranxos realizados por Andrés Gaos para a primeira delas e por Octavio Vázquez no segundo dos poemas.

As outras das pezas cantadas na tarde de onte proceden do libro Follas novas, Maio longo é unha delas, neste caso seguindo a partitura de José Baldomir. Negra sombra foi o segundo dos poemas escollidos deste libro e para facer a versión utilizouse a música de Juan Montes.

O grupo de acompañamento, Hércules Brass, é un quinteto de metais composto por dous cornos, dúas trompetas, trombón e tuba.

A convocatoria para os alumnos de centros musicais limitouse a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, cun límite de entre 20 e 25 estudantes por cada centro. O concerto estivo guiado pola escritora Fina Casalderrey.