Os outros museos

Mercedes Rozas LA VOZ

CULTURA

As iniciativas pequenas reclaman o seu espazo no día internacional do gremio

18 may 2013 . Actualizado a las 14:39 h.

Moitos son museos da periferia, máis pequenos e menos coñecidos, diseminados por toda a xeografía galega, entidades que realizan un encomiable traballo de recuperación da memoria material e inmaterial. O sector sofre de xeito especial a crise, as poucas subvencións se recortan ou desaparecen, pero aínda así eles reinvéntanse e loitan por manterse vivos, secundados por un voluntarismo social que os avala.

Ata hai pouco a política cultural deste país tiña como preferencias a protección do patrimonio, a axuda ás industrias culturais e a creación. Pero dun trazo, estes empeños, gradualmente frecuentes dende a transición, convertéronse en palabras sen contido, mesmo máis vinculados a certas prerrogativas que a un dereito fundamental como é o do acceso de todo o mundo á cultura. Mentres isto acontece a distancia entre as grandes institucións, próximas ao mimo da oficialidade, e aquelas outras máis pequenas, sustentadas en gran parte por unha cultura de base, agrándase.

No noso país sobrevive unha rede de museos que pertence a ese segundo grupo con vocación minoritaria, afastados do brillo institucional, que defende o seu carácter identitario e cultural. A recuperación e conservación da memoria, a salvagarda de obxectos tradicionais expostos ao espolio ou ao esquecemento, ademais dunha pretensión pedagóxica dirixida a sensibilizar sobre a sustentabilidade do territorio así como o interese por impulsar a investigación nas súas diversas vertentes etnográfica e antropolóxica determinan o seu compromiso ao servizo da sociedade.

A rehabilitación de edificios e a súa articulación coa paisaxe urbana ou rural entra dentro dos obxectivos de moitos deles. O Museo de Melide, por exemplo, establécese nun antigo hospital de peregrinos, comprado mediante subscrición popular a finais da década dos noventa, e o Museo das Mariñas de Betanzos atópase no antigo convento de San Domingos, mentres que o de Massó, dirixido por Covadonga Vázquez en Bueu, ten a súa sede non edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos, no que se erguera con anterioridade a súa primeira fábrica de salgadura.

Ecomuseo

Pola súa banda, no ecomuseo de Arxeriz en Saviñao pondérase a convivencia entre a arquitectura tradicional co hábitat natural da Ribeira Sacra, unha convivencia que acentúa os valores paisaxísticos e ambientais da zona. Á fronte deste último José Antonio Quiroga apunta que este tipo de museos necesariamente «deben ter facetas como a de estudar, recoller e amparar a cultura material e inmaterial do seu entorno para mantela viva e poder divulgala a través de publicacións e actividades nun labor de sensibilización e incremento da autoestima do entorno».

E é precisamente nese ámbito próximo e case familiar no que se descobre unha parte fundamental para a supervivencia destas coleccións: a implicación veciñal. No da Capela, Secundino García Mera recorda como as primeiras pezas da cultura tradicional foron recollidas polos seus propios alumnos, cativos de sétimo e oitavo de EXB a principios dos oitenta. Aquela entretida tarefa escolar estendeuse pronto a outros ámbitos da poboación e por toda a bisbarra, ata converterse nunha importante colección etnográfica. No ano 2001, o Concello da Capela e o CEIP Convento de Caaveiro acordaron a creación dunha asociación denominada Padroado do Museo Etnográfico da Capela.

Nalgún caso a iniciativa parte dun benfeitor como Olimpio Liste, que tal e como conta Victoria Vázquez, directora do museo en Vigo, é «unha personalidade esencial no eido da cultura e pioneiro na musealización da etnografía, a súa pegada trasládase a través das máximas que o caracterizan: a calidade das coleccións, xunto cun profundo coñecemento das mesmas e o destinatario do proxecto: o individuo, ó que pretende acoller como un patrimonio máis, que axude a descubrir e compartir a viaxe común pola cultura aquí presente».

A especialización temática rexe o labor dalgúns, como o xa comentado Museo Massó ou o da colección visitable do Seo de Corcubión, ambos os dous dedicados ao mar e á explotación dous seus recursos. Sen dúbida a especificidade atrae a uns espectadores diferenciados que buscan a interpretación máis completa dunha sinalada materia, como acontece na coruñesa Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que esta semana cumpre dez anos de vida e na que se deposita unha colección de obxectos auténticos da escritora. A conservadora Xulia Santiso advirte que «as Casas-Museo adoitan ser institucións pequenas, pero que acubillan grandes personaxes». Tamén especializados son a Casa-Museo de Rosalía en Padrón, o do gravado á estampa dixital de Artes en Ribeira, os etnográficos de A Limia e Ribadavia, e os consagrados ao xoguete en Allariz, ao moucho en Cerceda e ao humor en Fene.

Museo pedagóxico

O contido do Pedagóxico de Santiago céntrase pola contra na escola. Precisamente arredor do 75 % do seu público procede do ámbito do ensino e o resto, de asociacións da terceira idade e discapacitados. Emilio Castro prefire ver o vaso medio cheo e provoca a comparación con museos semellantes de Castela e León ou o País Vasco onde, debido á crise, tiveron que pechar. Para este director, unha das claves está en manter vivo o museo con actos que sirvan de reclamo. Algo no que habitualmente se afanan os catro museos da rede museística de Lugo que engloba o Provincial de Lugo, o do Mar en San Cibrao, a Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor no concello de Monforte de Lemos, con actividades didácticas para distintos niveis, conferencias e exposicións ao longo de todo o ano.

Nestes refuxios culturais a xestión económica desenvólvese en xeral excluída das grandes cifras, patrocinada, pois, maioritariamente por asociacións, veciños e a colaboración de concellos ou deputacións. A proliferación nestas últimas décadas a unha velocidade superior á da súa organización no sistema cultural, esixe, segundo Carlos García Martínez, presidente do Consello Galego de Museos e director do Museo do Pobo Galego, «de forma inaprazable unha axeitada ordenación que posibilite o seu anovamento e a súa adecuación ao rol que a museoloxía actual lles encomenda a estes espazos, abocados a dar resposta aos novos requirimentos que hoxe a sociedade do coñecemento e as propias comunidades lles demandan e que obriga á súa transformación progresiva».

A súa problemática é múltiple, con todo, agora a principal está en saír dunha situación económica que nalgún caso pode levalos ao peche, e para que isto non aconteza é ineludible o interese das institucións políticas. Xoán-Xosé Molina do Museo Comarcal da Fonsagrada precisa que «para a Xunta de Galicia, fóra desas colaboracións puntuais encadradas dentro dos programas xerais de axudas ás asociacións, a existencia deste tipo de museos fica fóra da súa acción de fomento ou apoio. A caracterización tan particular dos museos de iniciativa local ou de base, merecería unha atención específica que, a traveso de convenios estables coa Administración, reforzara a súa continuidade e cualificación profesional e científica e tamén o traballo desinteresado que sostén unha titularidade veciñal que lles confire arraigo social e independencia».

A necesaria autonomía

A potencialidade deste sector, un dos máis desfavorecidos neste momento, é sen dúbida extraordinaria. García Martínez apostila por último que «queda aínda camiño por percorrer para redefinir o papel e o servizo que as institucións museísticas deben prestar á sociedade e á cultura no século XXI. E entre outros retos poderían sinalarse a necesidade de dotarse de novos valores, instrumentos e concepcións metodolóxicas modernas; mellorar a súa percepción social, converténdose en elementos dinamizadores e axentes fundamentais da vida cultural; procurar novos modos de xestión dos bens culturais acordes coa realidade socioeconómica na que nos situamos, así como novas fontes de financiamento e mecenado, o que precisa dunha autonomía funcional e integrar nas estratexias de desenvolvemento o patrimonio cultural como recurso económico».