Mónica Camaño: «Agora que o teatro está abandonado enténdese mellor a Bolaño»

C. F. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

14 may 2013 . Actualizado a las 10:32 h.

Cando Roberto Vidal Bolaño decidiu meterse na pel dun xefe de tribo nas antípodas galegas en Os Pappalagui, tivo como compañeira de escenario a Mónica Camaño, a mesma actriz que fiscaliza en Matalobos.

-¿Como foi o traballo con Vidal Bilaño no escenario?

-Daba moita seguridade. Tiña unha presenza moi grande e transmitía aos que compartimos escenario con el unha seguridade que axudaba moito para actuar.

-Vostede traballou como actriz en Teatro do Aquí, tendo a Bolaño como director. ¿Como lembra esa experiencia?

-Era un director esixente e sabía o que quería. Tamén sabía o que podía esperar de cada quen. Cando non o coñecías quizais asustaba un pouco, pero era moi claro e creo que tamén era moi xeneroso. Pero era moi director falando. Lembro que unha vez díxolle a un actor que non estaba facendo o que se esperaba del que a culpa non era do actor, que era del por terse equivocado ao facer o reparto e que nunca debeu contratalo. Era así de claro. Actuar así non esperta simpatías. Pero na miña experiencia con el, e creo que na de outras actrices e actores, está tamén que era un director xeneroso que ensinaba moitas cousas, que axudaba moito aos actores. El quería conseguir uns determinados resultados, pero aínda sendo autor dos textos, non lle importaba en absoluto cambiar para adaptarse ás características dos actores.

-¿Cal é a importancia de RVB para o teatro?

-Tivo unha importancia fundamental e quizais aínda non se entendeu ben todo o que fixo polo teatro en Galicia. Segundo pasen anos creo que se irá entendendo mellor cantas cousas fixo e como esas cousas deixaron un teatro máis completo e serviron tanto para os espectadores como para os profesionais.

-¿Pero cre que a figura de Vidal Bolaño aínda non está correctamente valorada?

-Creo que aínda non. Durante uns anos, por circunstancias que non tiñan que ver exactamente co teatro, quizais non se entendeu tan ben a actitude de Bolaño como se pode entender agora que todo semella máis difícil. Agora que o teatro está sometido a un abandono por parte das institucións é máis doado entender a súa actitude combativa e o seu xeito de comportarse. Tamén pode ser que se entenda mellor agora como e por que facía teatro e os motivos das historias que escolleu contar xa daquela.