As letras subidas a un escenario

Redacción / La Voz

CULTURA

O teatro protagoniza a programación da semana do 17 de maio por primeira vez na historia das celebracións do Día das Letras Galegas

16 may 2013 . Actualizado a las 10:37 h.

A singularidade das celebracións do Día das Letras Galegas deste ano é que as posibilidades poden exceder ás da letra impresa. O teatro será un dos grandes protagonistas nunha fin de semana das Letras na que, ademais, se concentrarán as homenaxes ao escritor e a Xunta realizará o seu acto institucional mentres a Real Academia Galega celebrará no Teatro Principal de Santiago a sesión extraordinaria que centra o calendario desta celebración.

Son catro os títulos de ou sobre Roberto Vidal Bolaño que a carteleira galega ofrecerá durante os vindeiros días, na que probablemente sexa a primeira fin de semana con obras programadas do dramaturgo galego homenaxeado en toda a historia.

Santiago de Compostela ofrecerá dous dos títulos estreados neste mesmo mes. O primeiro deles é Criaturas. A penúltima obra estreada por Vidal Bolaño con Teatro do Aquí e que a mesma compañía recuperou seguindo as indicacións que o director e actor deixara feitas na montaxe inicial. A obra foi presentada onte en Santiago e estará en cartel mañá e pasado, desde as nove da noite. Ademais da manter a dirección que o autor ideara para a estrea orixinal da peza, a compañía mantén unha boa parte do elenco que representou hai arredor de doce anos.

O outro achegamento á obra do escritor compostelán desaparecido agora hai dez anos é que o fai Teatro Antroido, nome da primeira compañía que fundou, escollendo seis personaxes femininos e dándolles un fío condutor escrito polo fillo do homenaxeado, Roi Vidal, e máis da actriz que protagoniza a obra, Laura Ponte, quen no seu día foi compañeira do escritor. Bailadelas, mulleres bolañesas poderá verse sábado e domingo no Teatro Principal de Santiago desde as nove da noite. Espello Cóncavo, que hai cinco anos produciu a primeira das comedias negras de Bolaño, Anxeliños!, volve este ano a contar nos escenarios esa historia de xentes que atacan como método defensivo, que cobran débedas antigas mentres van vestidos de peliqueiros. A función será este vindeiro domingo na casa de cultura Pintor Lloréns en Sada, ás oito da tarde.

A cuarta, pero non a última das opcións, para o protagonismo escénico na fin de semana das Letras Galegas será a presenza do Centro Dramático Galego no Teatro Rosalía de A Coruña o mesmo venres no que se celebra a conmemoración. A primeira das producións escénicas que o teatro institucional galego estrea este ano, Días sen gloria, continúa a xira tras estrearse en Compostela. Ademais da función de tarde para o público xeral, a partir das oito e media, a compañía institucional galega ofrecerá mañá desde as once no mesmo teatro unha función para escolares.