A Academia devolve a NCG a casa de Rosalía e Murguía na Coruña

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A RAG non conseguiu os fondos necesarios para converter na súa segunda sede o edificio onde viviron os escritores entre 1872 e 1873

13 may 2013 . Actualizado a las 01:38 h.

A falta de espazo na súa sede da coruñesa rúa Tabernas, na antiga casona de Emilia Pardo Bazán, é un dos problemas históricos da Real Academia Galega, que custodia no seu arquivo e na súa biblioteca boa parte dos tesouros da nosa cultura. Por iso, en marzo do 2007, abriuse unha luz ao final do túnel cando a entonces chamada Caixa Galicia acordou ceder á Academia durante un período de vinte anos (renovable logo por quinquenios) o edificio do número 3 da rúa Príncipe da Coruña. O inmoble non foi escollido ao azar. Situado a só uns metros da sede da RAG, coñécese na Cidade Vella coruñesa como a casa de Rosalía, porque nela viviron, entre 1872 e 1873, a poeta e o seu esposo, Manuel Murguía, que anos despois sería o primeiro presidente da Academia. Alí naceu a súa filla Amara e alí preparou a segunda edición de Cantares gallegos, que publicou en Madrid en 1872.

Que mellor entón que este inmoble, con tres andares de 180 metros cadrados e un pequeno xardín interior, para instalar a que estaba chamada a ser a segunda sede da Academia Galega. Mesmo xa se tiña ata pensado dedicar este espazo integramente a arquivo e biblioteca, e destinar a casa de Tabernas á actividade institucional (mantendo o museo de Pardo Bazán). Tamén estaban comprometidos os apoios de Caixa Galicia (que daquela dirixía José Luis Méndez) e da Consellería de Cultura (á fronte da cal estaba Ánxela Bugallo). Pero polo medio cruzáronse a crise, un cambio de goberno en San Caetano, a fusión das caixas e a súa posterior transformación en Novagalicia Banco, e o proxecto foi asumido en solitario pola RAG.

O académico e arquitecto Andrés Fernández-Albalat encargouse de redactar un plan de rehabilitación e transformación dos espazos. Pero, sen axudas doutras entidades, o custo da restauración da casa de Rosalía, de arredor dun millón de euros, era inasumible pola Academia, que ten este ano un orzamento de 975.000 euros, do cal un 80 % é para gastos de persoal.

Lonxe de ter os cartos necesarios para rehabilitar o edificio, o mantemento do mesmo estaba a supoñer un desembolso importante para as depauperadas contas da RAG, xa que as filtracións de auga ás casas adxacentes e a rotura de cristais obrigou a Academia a investir nestes seis anos uns 51.000 euros na conservación do inmoble.

Devolución por 51.000 euros

Ante a imposibilidade de afrontar o custo da reforma e os constantes gastos que xeraba o mantemento, un dos últimos plenarios da RAG presididos por Ferrín acordou renunciar á cesión e pactar con Novagalicia Banco a súa devolución a cambio dos 51.000 euros investidos ata o momento no edificio. O acordo fíxose efectivo nas últimas semanas a través da sinatura dun convenio entre Novagalicia Banco e a Academia, polo que a día de hoxe a emblemática casa de Rosalía xa non é da RAG. En lugar da que fora residencia de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, a Academia Galega mercou un baixo na Coruña que utiliza como almacén para depositar, entre outros materiais, as súas publicacións.