«Cantares gallegos» ten unha nova edición crítica

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, é o responsable desta versión da obra

24 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Mentres no Museo de Arte Contemporánea (Marco) liberaban os seus catálogos polas rúas de Vigo e os libreiros reducían o dez por cento o prezo do seu xénero, Edicións Xerais presentaba onte a edición crítica de Cantares gallegos, dirixida por Anxo Angueira, escritor, profesor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Deste xeito casaba o Día Internacional do Libro co programa conmemorativo do 150.º aniversario da publicación do libro de Rosalía de Castro, feito fundamental no Rexurdimento da lingua galega, no ano 1863. Os poemas da autora do libro fundacional do galego moderno foron recitados por Luciana e cantados por Alba M. Rodríguez Díaz, nun acto celebrado no auditorio municipal vigués.

«Cantares gallegos é un artefacto literario na produción de Rosalía de Castro que marcou unha inflexión na súa carreira», afirmou Anxo Angueira, presente no acto, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ao director de Edicións Xerais, Manuel Bragado. «É unha edición crítica cunha introdución miña», engade o presidente da Fundación Rosalía de Castro. «Nas edicións estúdanse os diferentes textos que empregou Rosalía e se elixe entre eles o máis correcto; hai tamén notas e comentarios dirixidos tanto a especialistas como a persoas interesadas, que explican o significado de palabras, o emprego das mesmas e o significado de cada poema», explica.

Dende o pasado 22 de febreiro, en Vigo desenvólvense numerosos actos vencellados coa publicación de Cantares gallegos, que rematarán o 17 de maio, día da publicación do libro. Ese día, a rúa Real, onde se atopaba a imprenta da edición príncipe, vai ser cuberta de flores.