«Morgana en Esmelle» e «Os ángulos da brasa», premios galegos da crítica española

Redacción / la voz < / span>

CULTURA

Se fallaron onte en Ponferrada

14 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Vigo, 1964), e o poemario Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932), foron os gañadores galegos dos Premios da crítica española, que onte se fallaron en Ponferrada.

O libro de Begoña Caamaño está publicado por Editorial Galaxia, e nel se revisan algúns mitos da Materia de Bretaña desde unha perspectiva feminista. É a segunda novela desta xornalista, tras Circe ou o pracer do azul.

Os ángulos da brasa, de Álvarez Torneiro, está publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial Kalandraka. Torneiro xa foi premio da crítica española en 1999 polo seu libro Luz de facer memoria.

Os dous libros premiados nesta convocatoria, que reúne a críticos literarios de toda España, teñen algo en común, ademais do galardón que recibiron onte. Os dous foron premiados na última convocatoria dos premios que convoca a Asociación Galega de Editores, un como mellor libro de ficción e outro como mellor libro de poesía.

En castelán, os gañadores desta convocatoria foron Clara Usón por La hija del este, e en poesía o premio foi para o libro La bicicleta del panadero de Juan Carlos Mestre. No caso da novela da autora dáse a circunstancia de que ningunha escritora gañaba este premio desde o ano en que o gañou Elena Quiroga pola súa obra Tristura, hai agora 52 anos.

A novela de Usón (Barcelona, 1961) está publicada por Seix-Barral, mentres que o libro de Mestre (León, 1957) está publicado por Calambur. Estes premios están promovidos pola Asociación española de críticos literarios.