Poesía e teatro, nun mesmo volume

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O selo QueQueres publica un libro que ofrece unha obra diferente segundo o lado polo que se abra: o poemario «primavera de navallas» e a peza teatral «Solpor en Waterloo»

06 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O selo QueQueres vén de publicar un libro que ofrece unha obra diferente segundo se abra por un lado ou polo outro. Dunha banda, contén o poemario primavera de navallas, de Xurxo Chapela; da outra, unha peza teatral: Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García. O responsable da edición, Xabier Graña, entre outras cousas, fundador do festival Xiria Pop, explica que a razón desta aposta dobre obedece a un lóxico condicionamento orzamentario, pero tamén a ampliar o alcance dos autores. «Cada un terá uns incondicionais que mercarán o libro, e o compañeiro terá así a posibilidade de que tamén o lean a el», explica.

Foi tamén a petición expresa de Graña a que levou a Chapela a publicar o seu poemario, xa que este escritor borra máis do que conserva. «Convén ter un xirgo ben fino», afirma. O poemario, segundo o autor, é «un libro contra a vida e contra o amor», aínda que tamén advirte de que «non está baseado en feitos reais». Chapela está encantado de compartir libro con Xosé Manuel García e busca unha referencia musical do seu poemario: unha fervenza que canta o Cold Water de Tom Waits.

Acomodo xunto á poesía

Da outra banda, García amósase igual de feliz de que a súa obra se acomode cunha obra poética que cualifica como un «panorama de desolación» que había tempo non contemplaba. «Non con tanta sinceridade, con tanta orfandade».

Novamente, é Graña quen está na xénese de Solpor en Waterloo ao propoñerlle a Xosé Manuel García «unha especie de reto sobre introducir na creación literaria en galego un referente vencellado ao rock and roll». O personaxe elixido foi Rai Davies, cantante e compositor principal dos ingleses The Kinks, «un xenio absolutamente ignorado e sepultado entre unha xeración de extraordinario talento», segundo o autor, que se confesa admirador da «ironía intelixente e singular sentido do humor» do músico.

Tamén está a pegada da fascinación polo Londres da década dos sesenta. Aínda García reivindica a autonomía do teatro como xénero literario, coidando especialmente a «dignidades lingüística do texto», non nega que lle gustaría ver algún día a obra representada e «facer carne» os personaxes que argallou no papel.

Entrementres, QueQueres prepara a posible coedición do disco dos norteamericanos Band of Outsiders. En palabras de Graña, «máis que unha aventura empresarial, unha aventura filantrópica».