O plenario rexeitou a renuncia como académico e non ocupará a súa cadeira

La Voz

CULTURA

14 mar 2013 . Actualizado a las 11:27 h.

Unha vez rematado o plenario, e en ausencia do xa expresidente da corporación, o resto dos membros da institución trasladáronse ao salón de sesións para dar conta do contido da reunión á prensa. Entre caras moi serias e coas bagoas asomando aos ollos dalgúns dos presentes, o presidente en funcións da RAG, Xosé Luís Axeitos, deu lectura a un comunicado oficial que sobre a renuncia de Ferrín apunta que «o plenario valora moi positivamente a súa xestión e lamenta a súa marcha».

«Quixemos que se marchara con honor e gloria, e a súa cadeira queda aí baleira para que volva cando el queira, iso acordouse por unanimidade», sinalou Manuel Rivas. «Non se acepta a renuncia como numerario e o plenario en consecuencia non cubrirá a súa vacante», engadiu Axeitos.

«As contas do 2012 foron aprobadas por unanimidade polo plenario e tamén os orzamentos para o 2013. Están colgados na páxina web para evitar todo problema de opacidade ou de problemas de cara a opinión pública», explicou o presidente en funcións en relación ás recentes polémicas sobre a presentación das contas da corporación.

Así mesmo, o voceiro do plenario anunciou que se «creará unha comisión para estudar un protocolo para facer as novas contratacións de agora en adiante na Academia», regulamento co que se espera poñer fin á polémica pola contratación de familiares de membros da executiva na institución.

Axeitos tamén quixo abrir unha porta á reconciliación das diferentes sensibilidades enfrontadas estes días no seo da institución e insistiu en que seguirán traballando xuntos polo futuro da entidade e pola cultura galega: «Ao mesmo tempo queremos transmitir á sociedade que a Academia Galega como institución máis que centenaria ten e sigue tendo vocación de proxección e de futuro e de servir ao país, á súa cultura e moi especialmente á súa lingua».

«De calquera maneira -engadiu Axeitos- os compromisos que ten adquirida esta institución cumpriranse exactamente igual que se non houbera pasado nada aquí, aínda que lamentamos loxicamente o que pasou. A Academia acudirá a toda canta programación estea prevista cumprindo sempre os seus compromisos, por iso é unha institución seria a responsable».

A preguntas dos xornalistas sobre as afirmacións de Ferrín á súa saída da Academia, Axeitos sinalou que non habería máis declaracións á marxe do comunicado e subliñou que a do expresidente foi a única dimisión presentada onte e que ningún outro académico renunciou.