O sector escénico non logra compromisos en Cultura

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A plataforma considera «desoladora» a situación

07 mar 2013 . Actualizado a las 13:24 h.

A Plataforma das Artes Escénicas reuniuse na tarde noite de onte co titular da Consellería de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, unha entrevista que, segundo o presidente do colectivo de actores, Salvador del Río, «foi desoladora porque non conseguimos avanzar nada nin conseguir ningún compromiso».

Segundo os membros da plataforma, as reivindicacións do sector escénico seguen no mesmo punto, coa salvedade de que esta mesma semana se abriu unha rede que o sector considera «moi reducida».

En canto ás outras peticións da plataforma, os integrantes da mesma explican que a situación é moi grave en primeiro lugar porque está «practicamente descartado que haxa axudas á produción ou distribución para este ano». Del Río sinala que Vázquez Abad non se comprometeu a manter estas axudas pola circunstancia orzamentaria.

Considerando malo este punto, para o sector profesional escénico en Galicia hai outra circunstancia que ten a moitas compañías nunha posición delicada desde o punto de vista económico. «Para nós case tan malo como que non haxa subvencións é que non saibamos cando podemos cobrar o adxudicado». Segundo Del Río, o conselleiro non se comprometeu a dar unha data de pago para as cantidades pendentes.

Vázquez Abad indicou que o novo director da Agadic se coñecerá pronto e que nesa axencia se proverá unha praza de responsable da xestión económica».

O conselleiro de Cultura e Educación sinalou que se manterán as axudas a festivais escénicos para o 2013 e que tamén se destinará unha partida para asociacións que non teñan ánimo de lucro.