O último acto público de Ferrín como presidente será o 9 de marzo

Luís Pousa / Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Luís Méndez Ferrín, con Valentín García, o pasado xoves na sede da Academia Galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín, con Valentín García, o pasado xoves na sede da Academia Galega. gustavo rivas< / span>

Será o ingreso na RAG do académico electo Xosé Fernández Ferreiro

02 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A cerimonia de ingreso na Real Academia Galega do escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro será o último acto público presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín, segundo podía lerse a última hora de onte na páxina web da RAG.

O acto terá un significado moi especial para ambos protagonistas, xa que Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) foi xunto a Ferrín un dos membros do colectivo Brais Pinto e un dos poemas de Con pólvora e magnolias fala precisamente dunha amizade que se remonta a «hai mil anos».

Como é norma nas cerimonias de recepción dun académico electo na corporación, o acto consistirá nunha sesión extraordinaria e pública do plenario da Real Academia Galega que terá lugar a partir das 12 horas do vindeiro sábado na propia sede da institución, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña.

Escritores e xornalistas

Fernández Ferreiro, autor de títulos como Agosto do 36 ou Morrer en Castrelo de Miño e que foi xornalista na Redacción de La Voz de Galicia, lerá un discurso titulado Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, no que analizará as distancias e coincidencias entre dous oficios paralelos que non sempre acaban por encaixar.

Dará resposta en nome da Academia a Xosé Fernández Ferreiro un numerario da RAG que coñece ben as estrañas e non sempre pacíficas relacións entre periodismo e literatura, o escritor e xornalista Manuel Rivas.

O ingreso de Fernández Ferreiro será o último acto con carácter público presidido por Ferrín, pero non o derradeiro, xa que aínda lle resta un trámite máis antes de despedirse da Academia: o plenario no que se comunicará oficialmente a súa renuncia e para o que aínda non hai data fixada. Unha vez que o plenario teña coñecemento oficial da dimisión de Ferrín, o secretario asumirá a presidencia en funcións e a executiva deberá convocar un novo plenario para elixir ao presidente entre as candidaturas presentadas.