A versión galega de «O Principiño» chega á súa vixésima edición

Carlos Casares traducira para Galaxia en 1972 esta pequena xoia da literatura universal

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Case ao mesmo tempo que a revista Grial presentaba en Compostela a revista dedicada á figura de Carlos Casares, a editorial Galaxia sacaba á rúa un libro do que o escritor foi tradutor. O selo pon nas librerías durante estes días a edición número 20 da tradución ao galego de O Principiño, unha versión que se publicou por primeira vez en 1972.

Desde ese ano dos primeiros setenta, a edición en galego do libro de Saint-Exupéry converteuse nun fixo das librerías galegas. Neste sentido, desde Galaxia subliñan o papel normalizador deste libro e como responde perfectamente ao obxectivo da editorial de incorporar ao galego os principais títulos da literatura universal. Sinala Galaxia que O Principiño é un dos principais títulos da historia da editora desde a súa fundación.

Na historia da edición en Galicia son raros os títulos que alcanzan esa cifra de vinte edicións. O libro de Antoine Saint-Exupéry superou os corenta anos de presenza continua nas librerías galegas e, desde Galaxia, consideran que esta edición que chega agora aos lectores galegos non será a última que se dará a imprimir.

Na presentación do último número de Grial celebrada onte en Santiago, tamén se salientou o papel de Carlos Casares como tradutor deste clásico da literatura universal. O escritor era tamén un coleccionista da obra en distintas linguas.

Más información Selección realizada automáticamente

 

Portada de «O Principiño»
Portada de «O Principiño»