«Cos orzamentos actuais a Real Academia quedará estrangulada»

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A RAG precisa un millón de euros anuais, pero só conta con 628.000

08 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Real Academia Galega calcula que para un funcionamento mínimo de todas as súas seccións precisa un millón de euros ao ano. Pero os orzamentos dos gobernos central e autonómico sinalan para o 2013 un total de 628.000 euros (341.000 do Ministerio de Cultura e 287.000 da Xunta). O presidente da RAG asegura que é unha situación insostible que, ademais de afectar aos cometidos da institución, pode mesmo afectar á plantilla de traballadores.

-¿Cal é a situación da Real Academia Galega?

-A Real Academia está estrangulada. Coas cifras que se ofrecen nos orzamentos da Xunta non podemos manter os seminarios, nin a comisión de toponimia, nin poderemos seguir actualizando o dicionario en web, nin asumir a edición en papel. Coas orzamentos actuais a Academia quedará estrangulada e non poderá asumir os cometidos que ten asignados por lei.

-¿Pode afectar tamén aos traballadores?

-Pode ter repercusión nos contratos laborais porque se non aumentan as axudas non poderemos continuar desenvolvendo eses traballos.

-¿Que sucederá se a Xunta non incrementa a súa partida para a RAG?

-Sería unha vergonza porque a Academia non podería cumprir co cometido estipulado. É necesario pensar en que a RAG é a responsable de velar polo idioma e que isto non se pode facer en condicións sen unha dotación axeitada. Non entender a obriga que supón o traballo da Academia é non estar á altura.

-¿Que repercusión está tendo a actual situación?

-Moita. A prensa, por exemplo, estase facendo moito eco porque a dotación económica asignada é un escándalo e quizais por iso tanta xente se manifeste en contra desta situación incluso por riba de outras que poidan ser igual ou máis graves.

-¿Ten esperanza nun cambio de asignación?

-Teño esperanzas infinitas na razón humana. Espero que se emende a asignación porque creo que é de xustiza que a RAG teña unha dotación para que poida cumprir co seu traballo en condicións.

-Mañá ten unha entrevista co presidente da Xunta. ¿Que espera dela?

-Espero que se solucione o problema no que estamos. Creo que o presidente é un home razoable e que fará gala do galeguismo do que presume.

-¿A RAG é a academia co orzamento máis humilde das peninsulares?

-Igual o problema é ese. Que pensan que o galego é un idioma humilde que non precisa máis e que non merece máis. Que os galegos non merecemos outra cousa. Efectivamente, a RAG é academia co menor presuposto de todas a que hai na Península e isto xa di moito da situación na que estamos. Creo que temos que entender que Galicia non é Murcia.