Os escenarios protagonizan o inicio do ano Vidal Bolaño

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Rubén Ruibal e Miguel Varela, nunha representación de «Criaturas», en Carballo, no ano 2000.
Rubén Ruibal e Miguel Varela, nunha representación de «Criaturas», en Carballo, no ano 2000. J. M. casal< / span>

A compañía creada polo dramaturgo, Teatro do Aquí, o CDG e as aulas das universidades sumaranse á homenaxe

02 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Co primeiro día de xaneiro do 2013 vén de comezar o ano que a Real Academia Galega dedica a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Desde o punto de vista escénico tres son as producións teatrais anunciadas ata agora sobre textos de Vidal Bolaño. A primeira delas será a que producirá, con estrea prevista en febreiro, a propia compañía creada polo dramaturgo, Teatro do Aquí. Seguindo a dirección do autor, a compañía reporá Criaturas, unha das últimas comedias escritas por Bolaño. Para a montaxe está previsto utilizar case o mesmo reparto que participou na súa estrea.

En Criaturas, Vidal Bolaño utiliza o mito de Frankenstein para recolocalo no medio da xente común dunha cidade calquera na que os seus habitantes non parecen ser menos monstruosos do que o personaxe de Shelley.

Desde o teatro institucional serán dúas as producións que lembrarán a Roberto Vidal Bolaño durante este 2013. A primeira en estrearse será Días sen gloria, unha peza que foi premio Rafael Dieste. Producida tamén no seu día por Teatro do Aquí contaba no papel principal co propio Bolaño como protagonista da historia. A obra está protagonizada por un guía profesional que axuda a facer o Camiño de Santiago e por unha prostituta que sae a vingar unha afrenta. Ambientada nun momento histórico no que o Camiño era un culto á baixa, a montaxe fai unha viaxe ao longo de todo o itinerario francés, atravesando Compostela e chegando ata o mar.

O Centro Dramático Galego dedicará a súa nova temporada por completo a Vidal Bolaño e, ademais de Días sen gloria, ten previsto producir unha das obras que o dramaturgo escribiu para público cativo. Será despois do verán cando se poida ver Touporroutou da lúa e do sol.

Ademais das propostas directamente escénicas, hai outras dúas actividades que están xa previstas no programa das homenaxes a Roberto Vidal Bolaño. O propio CDG ten previsto recompilar o material audiovisual sobre as montaxes nas que participou o autor, director e actor e exhibilas no propio Salón Teatro.

Outra posibilidade de asistir á obra deste dramaturgo desaparecido hai dez anos serán as lecturas dramatizadas que correrán a cargo das aulas de teatro das distintas universidades galegas.

Como primeira actividade, o CDG xa puxo en marcha o premio Roberto Vidal Bolaño ao mellor espectador, que se decidirá entre público que asista ás funcións do Salón Teatro, en Santiago de Compostela. Os gañadores terán como premio abonos para a temporada completa nese espazo.