Cultura di que a cifra final será de 500.000 euros

La Voz

CULTURA

30 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Xunta, que o pasado venres presentou as grandes cifras dos presupostos xerais para o vindeiro ano, destinará á Real Academia Galega arredor de 500.000 euros para o seu funcionamento durante o 2013, segundo apuntan fontes de Cultura. Só 287.265 euros figuran detallados nos orzamentos autonómicos e o resto, aseguran desde o Goberno galego, reflectirase nos convenios que a Academia asinará ao longo do ano coas secretarías pertencentes á Consellería de Cultura e Educación (Política Lingüística e Cultura).

A cantidade total que percibirá a RAG dos orzamentos autonómicos, segundo as cifras rexistradas, serán 287.475 euros distribuídos en tres partidas, dúas dos orzamentos de Cultura e outra que procede de Política Lingüística. As dúas primeiras son asignacións de 190.475 e 45.000 euros. A terceira destas aportacións suma 52.390 euros máis.

Convenios fóra de presuposto

Segundo a Consellería de Cultura e Educación, estas cifras non son as definitivas, posto que os convenios que se firman entre entidades, como é o caso da RAG, non se detallan nos presupostos e son desenvolvidas con posterioridade á presentación dos orzamentos. Desde a consellería sinalan que por vía de convenios como o asinado con Política Lingüística en exercicios anteriores a cifra que aportará a Xunta á Real Academia estará arredor dos 500.000 euros. Esta cantidade é, segundo a consellería, a mesma que aportou o Goberno autonómico para o financiamento da RAG durante o exercicio agora rematado.

Durante os vindeiros meses, sinalaron desde Cultura, vanse asinar os convenios que manterán as aportacións autonómicas para a Academia na mesma situación do exercicio pasado.

A batalla polo financiamento da Real Academia Galega ten sido particularmente intensa durante os dous últimos anos, xusto no momento en que semellaba que a institución galega comezaba a equipararse coa súas homólogas catalá e vasca. Deste xeito, a RAG conseguira superar o millón de euros procedentes do Goberno central. Pero esta partida non durou moito e a RAG tivo que ver como o recorte inicial proposto polo Executivo central para as súas contas era moito maior que o disposto para as outras academias. Logo de que o Goberno aumentara a aportación ata os 700.000 euros chegou o segundo recorte, que deixa a transferencia do Goberno central nos 341.000 euros que recibirá no 2013.

Academias e Consello

Nos presupostos xerais da Xunta figuran dúas partidas para outras academias: 7.655 euros para a Fundación Pro Real Academia Española e 40.000 euros para a Real Academia Galega de Belas Artes.

O Consello da Cultura Galega recibirá, pola súa banda, 2,5 millóns da Xunta.