Basilio Losada defendeu o galego ao recibir o premio Otero Pedrayo

Laura López LUGO / LA VOZ

CULTURA

O xurado valorou o seu traballo pola terra, a lingua e a cultura galegas

29 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O filólogo e tradutor Basilio Losada (Láncara, 1930) recibiu onte en Lugo o premio Otero Pedrayo 2012, que outorgan a Xunta e as catro deputacións. O galardón, dotado con 30.000 euros, premia o traballo en prol da terra, a lingua e a cultura galegas. No acto, Losada estivo acompañado polos seus familiares, amigos, e por autoridades como o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; ou o alcalde de Lugo, José López Orozco.

Veiga defendeu a actualidade de Otero Pedrayo e aproveitou para pedir a supresión das deputacións. Despois, o voceiro do xurado, Luís González Tosar, repasou o traballo de Losada e afirmou: «Sinto unha emoción persoal porque considero que outorgarlle este premio a Basilio Losada é unha honra que honra a todos os galegos».

Losada mostrou a súa gratitude polo premio e defendeu o galego e a súa riqueza: «Quen non respecta a lingua, e non me refiro a usala, merece o maior desprezo». Lembrou tamén a súa infancia en Láncara e as súas viaxes en burro a Lugo, con 6 anos, acompañando ás súas tías a vender queixos. Reiterou que é «de aldea» e que a súa vida foi loitar para que ninguén se sentise inferior por falar en galego. Aínda así, sinalou que non volveu vivir a Galicia porque «para min Galicia é un ideal, algo que aínda non vexo feito; cando veño marcho frustrado».

Esa Galicia ideal é a que quere sentir no seu derradeiro adeus: «Cando eu morra quero que as últimas palabras que oia sexan en galego. A miña muller é do norte de Europa, pero sabe galego abondo para, nese momento, poñerme as mans na fronte e dicirme: ?Ímonos ver noutro lugar, non sei cal, pero alí tamén se falará galego?».