O microteatro afiánzase como oferta teatral alternativa en Galicia

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A Coruña, Cangas e Santiago contan con programación estable do xénero

26 nov 2012 . Actualizado a las 11:46 h.

Un cuarto pequeno como as vivendas de protección, sen iluminación de espectáculo. Entra un grupo reducido de persoas e a unha distancia que vale para os abrazos ou para o boxeo actores e actrices contan a súa historia. Non é teatro en pequeno, nin teatro mínimo, nin teatro recortado. É teatro de proximidade, dunha inmediatez que cambia o carácter da interpretación pero moito máis o xeito con que os espectadores asisten ao teatro.

Coa apertura de A regadeira de Adela en Santiago son tres os espazos en Galicia que teñen no microteatro un reto para espectadores, autores, directores e intérpretes. La Tuerka 27 en A Coruña y O Manancial en Cangas teñen na súa programación unha ampla oferta deste novo xénero que non permite maiorías.

Nos tres casos hai una resposta do público semellante. Para Mighello Blanco, actor e coordinador de actividades de O Manancial, quen non está «afeito ao microteatro queda sorprendido, pero enseguida entende como é e se sente atraído pola fórmula».

Para Iria Ares, de La Tuerka 27, pola súa sala, no ano longo que leva en funcionamento, pasan fundamentalmente dous tipos de público, «quen non sabe de que vai a experiencia e encontra o formato moi novidoso e quen xa ten noticia do microteatro e vén porque se sente moi a gusto como espectador».

En Santiago, con dúas fins de semana de programación, a resposta é moi similar, segundo Antón Coucheiro, un dos fundadores. O actor introduce a idea de que no espazo de microteatro hai un encontro entre dúas necesidades, por un lado que houbese «un lugar no que a xente da profesión puidese traballar no xénero e por outro que o público puidese participar no que é un cambio completo do seu papel como espectador».

Tamén coincide nos tres casos que hai moita curiosidade por parte dos espectadores sobre o formato e unha moi boa acollida para o xénero. Iria Ares explica que o microteatro «vai para arriba e nós fomos crecendo en asistentes e ata temos un público fiel que acode cando renovamos as representacións». La Tuerka ampliou a súa oferta ata contar agora con catro salas e cinco pases por cada día de funcións. Coucheiro sinala que, desde o punto de vista artístico, «o xénero está por explorar e a intención da Regadeira é programar exclusivamente microespectáculos, sexan de teatro, de danza, de circo ou todo combinado, pero sempre con ese tempo medido e o espazo reducido».

Pola súa parte, en O Manancial comezarán cunha nova oferta a partir do mes de decembro. O nanoteatro, que é como lle chaman ao microteatro feito para público infantil.