Nace a editorial Bululú, especializada na publicación de álbums ilustrados

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Ilustración de «As estrambóticas viaxes de Gulliver».
Ilustración de «As estrambóticas viaxes de Gulliver». pinto & chinto< / span>

O proxecto nace non só para o mundo infantil, senón que prevé obras para todos os públicos, coa ilustración como elemento común

05 nov 2012 . Actualizado a las 12:42 h.

Esta semana preséntase en Galicia un novo proxecto editorial que nace cunha vocación singular, a de especializarse na publicación de álbums ilustrados. Bululú vén dunha editora matriz, Zaera Silvar, a raíz da aparición de O Crebanoces, de David Pintor e María Canosa. Ese título deulle a idea ao editor, Pablo Zaera, de que era o momento de «poñer en marcha un selo editorial, con entidade propia, polo que enfocar a produción no campo da ilustración».

Bululú non publicará só álbums de carácter infantil, senón obras para todos os públicos, pero coa ilustración como elemento común. Zaera explica que a especialización é un vieiro axeitado para editoras pequenas como a súa, e así centrarse «en poucos títulos e optimizar as canles de distribución».

Entre outros froitos xa se pode contar o calendario do vindeiro ano 2013 con caricaturas de intelectuais universais a cargo de David Pintor, mentres que neste mes -a editora presentarase en sociedade o vindeiro venres na librería Cascanueces da Coruña- tamén está prevista a saída do álbum De profesión inventor, unha historia de amizade escrita por Kike Gómez e ilustrada por Irene Sanjuán, dous autores noveis, outra das apostas do novo selo para descubrir e difundir o traballo de novos talentos. Para decembro chegará ás librerías As estrambóticas viaxes de Gulliver, un álbum de gran tamaño no que Pinto & Chinto fan unha versión libre do clásico de Swift. Ambos os dous títulos editaranse tanto en galego como en castelán.

Zaera é consciente de que en Galicia a literatura para rapaces e o libro ilustrado contan cunha ampla presenza. Por iso, Bululú apostará «polas edicións coidadas» e «dar voz ás novas xeracións que non conseguen dar saída aos seus proxectos por mor da crise, non das súas capacidades». «Isto, malia non contar con ningún tipo de subvención ou axuda institucional, e non por que non a busquemos» conclúe o editor.