Bellón e Maceiras van a Moscú e Anxo Lorenzo toca en Bélxica

La Voz

CULTURA

03 nov 2012 . Actualizado a las 12:35 h.

«Sementar sementarei / loguiño de crarear, / en tanto no povo medre / un meniño, un vello e un cantar». Un clásico que cantaban a finais dos anos setenta Fuxan os Ventos, un dos primeiros grupos galegos de folk. Aquela semente musical ten hoxe froito de xente nova como Dani Bellón e Diego Maceiras, dous gaiteiros que o mesmo imparten unha master class en Moscova que ensinan a tocar a gaita a 40 alumnos en Madrid.

Sobre a situación actual da música galega teñen claro que «a cousa está moi maliña: nós por fóra imos apañando». Na capital de Rusia dan un concerto anual desde hai «catro ou cinco anos e unha master class que pensabamos que non sería nada e apareceron seis ou sete gaiteiros preguntando unhas cousas moi técnicas, de grandes expertos».

Ademais da escola que teñen en Fene, desde hai seis ou sete anos vai cada quince días a Madrid porque ten alí «40 alumnos de gaita», explica Dani Bellón. E non son galegos eses asistentes ás clases, «son xente que escoitou a Berrogüeto ou a Carlos Núñez, gustoulles a gaita e queren aprender».

De francia a bos aires

Francia, Inglaterra ou Bos Aires son outros lugares onde actúan Bellón e Maceiras, «unha media de dez concertos por ano, que agora son menos da metade». Pola capital Arxentina tamén anda estes días outro gaiteiro galego, Budiño.

E desde a discográfica Zouma salientan a proxección internacional do gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo, que «o día 16 deste mes acuará en Bélxica», despois de estar en varios países europeos con concertos como o de Castello de Visconteo, en Italia. Este mes Lorenzo publicará o primeiro tema do seu primeiro disco, que sairá no mes de febreiro do ano que vén.

Tamén Montse Rivera, de Leilía, salienta as actuacións «fóra de Galicia e de España» e a importancia que para iso ten as axudas da Administración galega para a viaxe: «É xenial, porque sen iso é que non serían posibles eses concertos». De todos os xeitos, «non sabemos si dentro de seis meses teremos esa axuda».