A facturación editorial caeu catro millóns de euros só no último ano

Camilo Franco

CULTURA

As librerías seguen sendo o principal punto de vendas do libro, segundo o estudo.
As librerías seguen sendo o principal punto de vendas do libro, segundo o estudo. sandra alonso < / span>

As cifras do sector en Galicia retrocederon ata as rexistradas no 2007

15 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os informes da situación do sector editorial en Galicia son unánimes nas perdas de facturación do sector desde o ano 2009. O estudo realizado pola Federación de Gremios de Libreros indica que en Galicia a facturación do sector pasou de facturar 31 millóns de euros no 2010 a quedarse por debaixo dos 27 durante o 2011.

Esta perda de catro millóns de euros na facturación do sector en Galicia non é a primeira que se rexistra. No 2009, o exercicio no que os editores galegos alcanzaron o seu pico máximo de facturación, a cifra rexistrada roldou os 34 millóns de euros.

Pero os datos do último exercicio rexistrado son especialmente malos, posto que supoñen unha caída do 13,3 % con respecto ao ano anterior e sitúan a facturación por segundo ano consecutivo por debaixo mesmo da primeira cifra rexistrada do sector en Galicia: 31,89 durante o ano 2007.

O mesmo estudo, realizado con cifras procedentes das distintas asociacións integradas na Federación de Gremios, aínda ofrece outros indicadores da situación de dificultade para o sector do libro en Galicia. A comparativa entre os datos galegos e do resto das comunidades con industria editorial deixa a Galicia no último lugar por facturación absoluta e no primeiro posto na porcentaxe de descenso das vendas.

Galicia é a comunidade con menor facturación, cos seus 26,86 millóns de euros. A seguinte é Valencia, con 34,84 millóns. No terceiro lugar por abaixo está Castela e León, que facturou 35,60 millóns de euros no 2011.

Todas as comunidades perderon facturación durante o 2011, excepto Euskadi, que foi capaz de mellorar nun 3 % as súas cifras absolutas, pasando de 61,42 a 63,29 millóns de euros. As perdas medias no conxunto do sector en España son dun 4,1 %, pero no caso galego sitúanse no 13,3 %.

Cataluña, a segunda comunidade que máis sofre o descenso, está no 7,1 % de perdas, aínda que o tamaño do sector editorial no seu caso (con máis de 1.332 millóns de facturación é a máxima do conxunto español) non se pode comparar co galego.

O estudo sinala tamén o peso do sector por cada comunidade no conxunto do Estado. Mentres Cataluña e Madrid supoñen respectivamente o 48,1 % e o 44,4 % do total do sector, Galicia quedou no 1 % do total. Euskadi supón o 2,3 % do mercado total español, Andalucía o 1,8 %, e Valencia e Castela e León están situadas ao mesmo nivel co 1,3 %.

No conxunto total, o 20 % dos libros que se venden en España son de creación literaria. Só o libro de texto non universitario ten un valor superior a este, sumando o 31,3 % do total. O prezo medio dos primeiros é de 11,44 euros, e o dos segundos, 17,54.