Hoxe comeza na cidade galesa de Cardiff o décimo congreso da Asociación internacional de Estudos Galegos, que se prolongará ata o vindeiro venres e que ten como argumento fundamental Galiza alén do arco atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos.
Ao longo de tres días, especialistas en estudos galegos de varias partes do mundo intercambiarán experiencias e relatos. Ademais de Craigg Patterson, presidente da asociación, entre os participantes neste congreso estarán David McKenzie, da Universidade de Cork; Rosario Álvarez, do Consello da Cultura Galega; Xurxo Mariño, da Universidade da Coruña; Helena González, da Universtat de Barcelona, e a poeta Chus Pato.
O arco argumental do congreso é moi amplo, e ademais de ocuparse de como se están desenvolvendo no mundo os estudos galegos, entre as comunicacións e conferencias figuran desde o estudo das traducións de A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e análises sobre a poesía de autoras como Xela Arias ou Luísa Castro, ata unha investigación da situación do galego nas cidades.
Rosalía de Castro tamén terá un papel relevante neste congreso, primeiro desde a análise dos estudos sobre a súa obra de carácter internacional, e logo desde a realizacións duns obradoiros en paralelo ao congreso. Este décimo congreso pecharase o vindeiro venres cunha cea e un recital poético protagonizado por Chus Pato.
Más información