Galicia despediuse de Pousa Antelo, «un galego cen por cen»

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Un acto cívico e familiar puxo fin á xornada de homenaxe ao galeguista

22 ago 2012 . Actualizado a las 11:44 h.

Galicia despediuse en Teo de Avelino Pousa Antelo, un home que foi testemuña dun século difícil. Honesto, coherente e patriota foron algúns dos cualificativos sobre quen foi membro das Mocidades Galeguistas e quen encabezou a refundación do Partido Galeguista co retorno da democracia a Galicia. A outra perspectiva reafirmada durante o adeus foi a do exemplo que Pousa Antelo ofreceu aos galegos.

Moita afluencia e poucas intervencións institucionais marcaron o día en Teo, unha xornada dividida en tres momentos. Un primeiro coa chegada á capela ardente dos restos do galeguista, as dez da mañá, un acto cunhas palabras do alcalde de Teo, Martiño Noriega, quen explicou que había que lembrar a Pousa Antelo «cun sorriso porque iso era o que nos contaxiaba a todos, a súa grande vitalidade». Para o alcalde despois da xornada de hoxe será o momento de comezar a divulgar a súa obra e de seguir o seu exemplo.

Nese primeiro acto participaron tamén algúns dos representantes culturais galegos, entre eles o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo. O conselleiro sinalou que grazas ao traballo de xente como Pousa Antelo «vivimos hoxe en Galicia con este aire de liberdade». Ao longo da mañá foron pasando polo velorio representantes políticos como Pachi Vázquez, líder dos socialistas galegos ou a parlamentaria do BNG Carme Adán, e figuras da vida política galega como Camilo Nogueira. Vázquez lembrou o exemplo de Pousa Antelo asegurando que «soñou cunha Galicia diferente e traballou moito por ela». Adán lembrou tamén a entrega do desaparecido galeguista para co país e o exemplo que deixou a todos os que traballan pola mesma causa. Adán pediu «seguir o ronsel deixado e transformalo nunha Galicia libre».

Pasado o mediodía foi o presidente da Xunta quen se achegou, no segundo acto, a ofrecer o seu pésame á familia do galeguista. Alberto Núñez Feijoo asegurou na súa intervención que o que «conta ao final non é o patrimonio nin os números nas contas correntes», o que conta para o presidente «é ser honesto e coherente, e nisto Avelino Pousa Antelo foi tanto como o que máis». O presidente tamén sinalou que foi «un patriota e un galego cen por cen».

O terceiro acto arredor da figura de Avelino Pousa Antelo e tivo un carácter familiar e civil, no mesmo espazo no que se celebrou o velorio. Coa participación do grupo musical A Quenlla e intervencións dos achegados a quen mantivo a memoria do galeguismo histórico. Os participantes neste último acto antes da incineración dos restos mortais de Pousa Antelo foron escollidos pola familia.

No acto lembrouse unha vez máis o seu compromiso co país e a súa actividade como integrante do chamado exilio interior. Tamén se lembrou no acto o seu vencello con Castelao, a defensa da lingua galega e do cooperativismo.

«Foi honesto e coherente, un patriota e un galego que marcou unha forma de entender o país»

Alberto Núñez Feijoo

«Hai que lembralo cun sorriso porque iso é que nos transmitía sempre, a súa vitalidade»

Martiño Noriega