Diversas personalidades despiden en Teo a Avelino Pousa Antelo

CULTURA

Os principais líderes políticos acudiron esta mañá á Casa da Cultura teense onde permanece instalada a capela ardente

21 ago 2012 . Actualizado a las 22:45 h.

Con gran puntualidade, pasadas as 10.00 horas, chegaron á Casa da Cultura de Teo os restos de Avelino Pousa Antelo, o histórico galeguista finado onte no seu domicilio deste municipio, onde residía dende 1990.

Portado por familiares e achegados, o ataúde foi recibido por unha gaiteira co son da melodía do Himno do Antigo Reino de Galicia.

Personalidades políticas, coma o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e o secretario xeral deste departamento, Anxo Lorenzo, estiveron presentes nun acto institucional protagonizado polos distintos integrantes da corporación municipal, que despediron cunhas breves palabras ao seu fillo adoptivo.

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, puxo o acento en que hoxe toca lembralo e choralo e que mañá será o turno de «divulgalo cun sorriso no corazón». O rexedor calificou a Avelino coma «o último representante do exilio interior».

Posteriormente distintos membros dos grupos municipais despediron ao galeguista, a «este bo e xeneroso, a este galego de nación», lembrando o seu traballo a prol da comunidade, do galego e dos galegos.

Jesús Vázquez, en declaracións aos medios tralo acto -que durou en torno a 20 minutos-, asegurou que hoxe é «un día triste para Galicia e para todos os galegos», trala morte dun «dos últimos homes que fixeron que hoxe vivamos os galegos con este aire de liberdade».

Visita dos políticos á capela ardente

A longo da mañá diversas personalidades do mundo cultural, así coma os diferentes líderes políticos, tamén quixeron render unha última homenaxe ao histórico galeguista. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacou que Pousa Antelo foi «un dos últimos que marcaron unha forma de entender e defender o país, dentro e fóra de Galicia». Para o titular do Executivo galego, «a coherencia e a honestidade intelectual de Pousa son, sen dúbida, unha referencia que vale para calquera pobo e gobernante». Por este motivo asegura que acudiu a testemuñar á súa familia a dedicación de Avelino, coma «un galego 100%».

Un pouco antes tamén pasara pola Casa da Cultura de Teo o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, quen subliñou que Avelino foi capaz de defender a lingua galega, «en tempos case imposibles, non xa difíciles, de soñar unha Galicia distinta, de traballar por ela e de non perder nunca o timón, en épocas incluso tremendamente hostís». Vázquez púxoo coma exemplo de o que hai que facer por Galicia: «respetala, amala, soñar cunha distinta e traballar moito» para conseguilo.

A capela ardente permanecerá aberta ata as 19.00 horas, cando terá lugar un acto cívico de despedida protagonizado pola familia de Avelino.