Aínda quedan mouros

Erik Pérez Barreras

CULTURA

20 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un día, un neno estaba na súa casa facendo os deberes. Entón viu un can moi bonito pola ventá e saíu fóra a xogar con el. O can empezou a correr e o neno seguiuno, e chegaron ata uns penedos nos que había un burato polo que se meteu o can e o neno foi detrás. Chegaron a un túnel no que estaban todas as paredes escritas nun idioma estraño.

Era coma un labirinto pero foi seguindo ao can ata chegar a unha porta. A porta tiña unha pechadura moi rara. Entón deuse conta de que o can levaba unha medalla no colar, coa mesma forma da pechadura, e utilizouna para abrila. Pasou dentro e... a porta pechouse de golpe detrás súa. Chegara a unha cidade subterránea con casas que estaban no aire suxeitas con troncos. E como os troncos eran uns máis altos ca outros, as casas tamén estaban a diferentes alturas, conectadas por escaleiras, todo feito de madeira. Os habitantes daquel lugar levaban roupa de pel e lanzas. Eran a tribo dos Mouros, que eran cazadores. E o neno fíxose amigo deles. Pasou alí moito tempo con eles, xogando e divertíndose pero despois lembrouse da súa familia, que o botarían de menos. Entón intentou buscar ao can, pero había moitas cidades mouras conectadas por túneles e camiños secretos.

Cando xa pensaba que nunca conseguiría volver a casa, atopou o can, que como tiña a chave, puido abrir a porta. Fixéronlle unha festa de despedida, porque xa levaba moito tempo vivindo cos mouros e déronlle un agasallo, que era unha bolsa que non podía abrir ata chegar á casa.

Cando chegou á casa, pensaba que a súa nai xa sería moi vella, pero atopouna coma sempre. E a nai díxolle:

?Non deberías estar facendo os deberes?

Non sabía que dicir e mirou na bolsa. Atopou os deberes feitos e un boli de ouro!