Positivas publicará en xaneiro a obra completa de Vidal Bolaño

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Roberto Vidal Bolaño, no ano 2001, representando «Os papalagui» en Carballo.
Roberto Vidal Bolaño, no ano 2001, representando «Os papalagui» en Carballo. J.M. casal< / span>

Publicaranse seis tomos, incluíndo textos inéditos mais unha biografía

16 ago 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

Roberto Vidal Bolaño estreou moito e publicou menos. E o publicado quedou disperso en editoriais diferentes e con edicións a estas alturas esgotadas. No 2013 o Día das Letras Galegas estará dedicado a esta figura convertida en referente principal do teatro galego. Para ir cubrindo eivas, Edicións Positivas ten previsto ter publicado no mes de xaneiro próximo as obras completas do escritor.

A intención desta colección de Positivas é reunir en seis volumes toda a obra de Vidal Bolaño, seguindo o criterio de épocas artísticas fixado por Xosé Manuel Fernández Castro no seu libro sobre a traxectoria do dramaturgo publicado por Laiovento.

Os seis volumes irán agrupando as obras seguindo ese criterio artístico e temporal, aínda que segundo o editor, Francisco Macías, «algunha das épocas terán que estenderse en máis dun volume».

A intención desta colección de obras é que sexa moi asequible. Macías explica que, de acordo coa familia de Vidal Bolaño, teñen a «intención de facer unhas obras completas moi manexables desde o punto de vista do formato e economicamente igual de asequible».

Fala o editor de volumes que poden contar cunha media de 400 páxinas e cun prezo que «roldará os 17 ou 18 euros». Deste xeito, asegura Macías que o custe total das obras completas de Vidal Bolaño «non debería sobrepasar os 140 euros». Segundo o responsable de Positivas, nun principio a editorial tiña intención de «editar unhas obras completas nas que cada obra tivese un tomo propio», pero esta idea foi descartada porque obrigaba a «encarecer o conxunto e algúns dos tomos quedarían algo curtos».

Textos inéditos

Nos seis volumes se integrarán os textos teatrais xa publicados nos seu día, entre os que están títulos coñecidos Saxo Tenor, Días sen gloria ou Rastros, xa publicado por Positivas pouco despois da súa estrea. Pero para ser completas estas obras teñen que incluír algúns dos textos que Vidal Bolaño estreou ou representou pero nunca chegaron a ver a luz das imprentas. Entre eles o máis salientable debe ser Caprice des dieux, un monólogo co que, a mediados dos anos oitenta, o escritor atravesou o seu particular deserto e no que recuperou o papel de xograr. Nel non se perdían as referencias á política do momento, ás disputas sobre as censuras das súas obras e sobre a profesión teatral.

Tamén formarán parte das obras completas algunhas pezas para teatro infantil que, ademais do texto, incorporarán ilustracións realizadas polo autor para esas obras. Nos volumes tamén se poderá ler a obra ensaística de Vidal Bolaño recollida de revistas e publicacións de congresos.

Biografía de Roi Vidal

O sétimo volume desta iniciativa de Positivas non será unha obra de Roberto Vidal Bolaño pero completará a perspectiva que un lector poida ter sobre ela. Será unha biografía sobre o dramaturgo escrita polo seu fillo Roi Vidal, na que se porá en relación a vida do escritor e as súas circunstancias coa obra que foi escribindo e que recollen os seis volumes.