O Varas seguiu os indicadores de «Parking» e adentrouse nos sotos do Centro Comercial detrás dunha fileira de vehículos que avanzaba moi a modo.
-Non sei que vimos facer aquí-rosmou unha vez máis.
Rica ollouno con fastío.
-Pasar desapercibidos- contestou de mala gana?. Se non queres ir á casa da miña irmá na Coruña, este é o único lugar onde podemos estar sen chamar a atención. E mellor nos iría se conducises coma a xente, que pareces unha mula ao volante!
O Varas continuou rosmando mentres se perdía nunha das plantas do parking, ateigada de coches na procura dunha praza de aparcamento.
-Aquí hai demasiada xente- díxolle a Rica, bufando, unha vez que lograran aparcar, mentres subían nas escaleiras mecánicas.
-Precisamente por iso, aquí non chamamos a atención e podemos pensar onde imos pasar a noite, Varas.
Os raparigos seguíanos con resignación, pero tamén animados pola novidade que supuña aquel cambio na rutina das súas vidas. Cando vivían xuntos no piso da Florida sempre estaban alí recluídos, nunca saían á rúa. Un lugar como aquel significaba algo completamente descoñecido para eles.
Un intenso formigueo de xentío percorría o Centro Comercial para adiante e para atrás, os corredores e as tendas, cargado con bolsas, lambendo xeados, subindo ou baixando escaleiras mecánicas, mercando ou deténdose nos escaparates.
Dez minutos despois estaban os catro sentados na terraza do Beer?s, un dos locais do andar que concentra a oferta hosteleira. O Varas e Rica tiñan diante cadansúa cervexa. Os nenos, de brazos cruzados, mostraban expresión de noxo. Nas mesas contiguas ás súas, algunha xente descansaba das compras, pousando as bolsas sobre as cadeiras.
-Pois eu iría pasar a noite á Guarda. E mañá xa se vería. Cando menos?
Rica interrompeuno.
-Cando menos, mesmo pode denunciarnos un veciño, en canto nos vexa entrar na casa, Varas. Esa non é solución. Se non foses tan folgazán e traballases, podiamos pasar esta noite nun hotel.
-Claro, nun hotel? Por algo che chaman Rica! Máis ca rica, señorita. E a señorita Rica tampouco ten cartos, daquela? Que pena!
-Non teño cartos, non, pero teño cabeza. Non coma ti, que só tes pirola!
-Non abras tanto a boca, Rica, que xa sabes que as mulleres e os nenos falan cando as galiñas mexan. Cala a boca, ho, non vaia ser?!
-Cala a boca, si, claro, porque non che gusta que che diga verdades. Porque, imos ver, cando foi a última vez que fuches aos percebes? Cando, Varas? E canto tempo levamos a velas vir? Que querías, secuestrar os fillos e que alguén che dese un millón por eles?
-Oes, Riquiña, que a idea de recuperar os nenos foi túa, non miña.
-Claro que foi, ho, porque eu son nai, que ti ata parece que nin es pai, nin es home, nin es nada. Se foses pai e se foses home, marchabamos hoxe á casa da miña irmá á Coruña, que alí ninguén nos vai buscar e en ningures imos estar mellor.
Pixie permanecía calado, pero naquel momento Dixie intentou mediar na conversa. En canto pronunciou a palabra mamá, para dirixirse a súa nai, o Varas pegou un golpe na mesa e obrigouna a calar. Logo encarouse con Rica. -Escóitame ti! E caladiña, porque aquí mando eu. Estou farto de ti, da túa irmá, da túa nai e de toda a túa familia, así que non me toques o carallo porque o que fagamos hoxe decídoo eu. E agora mesmo o que vou facer é marchar a dar unha volta sen vós por este puto lugar ao que me trouxeches!
«A punta de pistola» por Fran Alonso
RESUMO
A parella formada polo Varas e Rica, que secuestraron os seus fillos nun Centro de Acollida en Vigo, refúxiase nun Centro Comercial ateigado de xente, onde tratan de pasar desapercibidos. El accede a ir alí a contragusto, sen deixar de rosmar. Ela segue insistindo en ir á casa da súa irmá na Coruña. Sentados cos nenos diante dunha cervexa nun local do Centro Comercial, discuten acidamente.