A Festa da Palabra reivindica a «voz con corazón» de Celso Emilio

Fina Ulloa
Fina ulloa OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Na festa inaugurouse a escultura «Irmaus», do escultor Manuel Penín.
Na festa inaugurouse a escultura «Irmaus», do escultor Manuel Penín. santi m. amil< / span>

O autor de «Longa noite de pedra» foi homenaxeado na Insua dos Poetas

29 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha escultura en bronce de Manuel Penín, baseada no poema Irmaus, que Celso Emilio Ferreiro incorporou a Longa noite de pedra, preside dende onte a entrada á Insua dos Poetas. A finca herdada polo escritor Luís González Tosar e convertida, co apoio da Deputación de Ourense, nun espazo de encontro literario e artístico, acolleu onte a cuarta edición da Festa da Palabra dedicada precisamente ao escritor e galeguista de Celanova polo centenario do seu nacemento.

Na cita participaron o seu biógrafo, Ramón Nicolás, que centrou o seu relato nos últimos días da vida do celanovés; e o académico Xesús Alonso Montero, que tras cualificalo como «a voz con máis corazón» pediu que a obra se traduza «aos 7.200 idiomas que aínda se falan nos cinco continentes». Pero, sen dúbida, a lembranza máis sentida, sinxela e próxima, foi a do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín quen, como el mesmo lembrou, non so foi amigo de Celso Emilio dende a infancia, senón «amigo prenatal». «Porque as nosas familias xa eran amigas antes de que nós naceramos», sinalou. Lembrou os sentimentos da infancia e confesou sentirse «orgulloso de ter respirado o mesmo ar que el alentaba; foi un home sinxelo e bo, un alma sensible ao horror e a inxustiza».

No acto, no que tamén participaron o conselleiro Xesús Vázquez, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística e o presidente da Deputación de Ourense, houbo ademais moitas referencias á loita dos veciños da zona contra a incineradora que pretende instalar a Xunta no Irixo. Precisamente o párroco que liderou a loita, Antonio González, levou un dos premios Sete Carballas que se outorgan nesta festa cultural. O poeta Víctor Campio, o pintor Alfonso Sucasas -finado recentemente-, a Asociación Ourensana de Hemofilia, o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, o Grupo Coren e a publicación LV foron tamén premiados.

«Celso Emilio foi un meteoro que atravesou incendiado o ceo da vida cultural e política galega»

X. L. Méndez Ferrín