A Academia Galega reivindica a figura poliédrica de Celso Emilio

Celanova acolleu a homenaxe da cultura ao escritor polo seu centenario

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Celso Emilio como escritor combativo e comprometido, como poeta satírico pero tamén apaixonado, como narrador; pero tamén como activista político ou xornalista. Todas as facetas do intelectual galego foron onte amplamente analizadas e loubadas polos membros da Real Academia Galega Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei e Salvador García-Bodaño na sesión extraordinaria que a entidade desenvolveu en Celanova. O seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín pechou a cita catalogando a Celso Emilio como «unha das máis grandes figuras das letras galegas de todos os tempos». Tamén lembrou que serviu de modelo para a literatura galega, desvencellándoa «por primeira vez da influencia da castelá», e logrando vender en vida cifras de exemplares impensables na actualidade.

A sesión da Academia -que pechou Amancio Prada, cantando algúns dos seus poemas- foi o acto central da conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio. Unha cita que principiou na súa casa natal, onde se colocou unha placa conmemorativa ante unha ampla representación política e cultural, acompañada dos veciños da localidade ourensá, que non querían perder a oportunidade de render tamén a súa homenaxe a quen, a pesares do exilio, sempre tivo presente a súa vila, converténdoa en universal.

Nese acto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, incidiu na reivindicación do orgullo da terra que sempre levou como estandarte Celso Emilio para animar aos galegos de hoxe a exercer «ese orgullo de pobo cunha resistencia milenaria para loitar xuntos». Lembrou que hoxe «non hai noites nin pedras, pero si inquedanzas e problemas que requiren da unidade fonda do país». Tamén o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, convidou aos galegos a seguir o exemplo de Celso Emilio «e loitar contra a resignación, polas liberdades e contra a inxustiza social».

«Foi unha das máis grandes figuras da historia das letras galegas, e sen dúbida tamén un fenómeno de masas»

X. L. Méndez Ferrín

Méndez Ferrín fala aos asistentes despois da colocación dunha placa na casa natal do poeta. miguel villar