Antoloxía de artigos dunha carreira marcada pola práctica do xornalismo

La Voz

CULTURA

O libro pódese adquirir mañá con La Voz ao prezo dun euro

16 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O libro Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país poderase adquirir mañá con La Voz polo prezo dun euro máis o custo do xornal. O volume escolma unha selección dos mellores artigos do autor -moitos deles publicados en La Voz-, acompañados por dous textos introdutorios a cargo dos especialistas Tucho Calvo e Xosé Luís Axeitos. Na presentación de onte, Axeitos remarcou a vocación como xornalista de Paz Andrade: «O primeiro que escribiu foi un artigo e o derradeiro que fixo, cando lle chegou a morte, foi escribir un artigo». A este desempeño do xornalismo, que mesmo levou a Paz Andrade á cadea, Axeitos engadiu «o seu amor a Galicia», demostrado na campaña do Estatuto de 1936.

Malia aparecer en épocas moi distintas do século XX, os temas e enfoques dos artigos desta antoloxía non perderon vixencia, xa que abordan cuestións vitais como o tecido financeiro e industrial, a demografía ou a autonomía. «Máis dun lector terá que comprobar a data para confirmala, do actuais que son», apuntou Núñez Feijoo. Trátase dun xornalismo con vocación de servizo público, como lembrou Xosé Luís Vilela, quen tamén se referiu ao libro como o froito «da tarefa común» que une a La Voz e a Academia.

Foi Méndez Ferrín quen lembrou os inicios desa relación, ao citar a Martínez Salazar, Fernández Latorre e Murguía, protagonistas da posta en marcha da Biblioteca Gallega, «o primeiro intento de planificar unha colección de libros para robustecer a conciencia de Galicia», como lle lembrou ao presidente de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, ao seu carón no acto. «Para min é unha satisfacción radical poder presentar este libro», afirmou Ferrín.